26 abril, 2024
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o departamento de Bibliotecas do Concello de Ames organiza un obradoiro dirixido a nenos a partir de 3º de primaria que terá lugar tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns e que se enmarca dentro de Ler conta moito, o programa de dinamización da lectura na rede de bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración con entidades locais.
As familias que desexen participar poderán inscribirse ata o 30 de abril escribindo a biblioteca@concellodeames.gal ou nos teléfonos 981 530 807 e 981 884 829.
Por outra banda, rematada a programación de abril coa que as bibliotecas municipais celebraron o mes do libro, as actividades seguen no mes de maio co obradoiro O outro lado de Luisa, a ilustración para conmemorar o Día das Letras Galegas. Trátase dun obradoiro de experimentación con libros, combinando a experimentación artística, o book art e a poesía de Luísa Villalta, autora homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2024. A actividade xira arredor do xogo e a experimentación creativa, empregando como material de base libros rexeitados e «inservibles» para versionar unha serie de poemas de Villalta. A encargada da súa conducción é Laura Romero, ilustradora, música, e autora de diversos proxectos dirixidos a visibilizar a figura das mulleres na música galega.
Esta actividade está dirixida á rapazada a partir 3º de primaria en diante, será o venres 3 de maio ás 17h na biblioteca do Milladoiro e o sábado 4 de maio ás 11.30h na biblioteca de Bertamiráns e os interesados poderán inscribirse ata o 30 de abril escribindo a biblioteca@concellodeames.gal ou nos teléfonos 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro) ou 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns).