20 junio, 2024
No mes de xuño iniciouse a tempada alta de visitas ao Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Nas últimas semanas, máis de dúascentas persoas pasaron pola torre de Bermúdez, incluíndo visitas grupais concertadas e o público habitual que atrae esta institución museística.
A axencia de viaxes Bivestour, de Vigo, descubriu este Ben de Interese Cultural (BIC) o día 6, mentres que o alumnado de bacharelato do IES Monelos, da Coruña, fixo o propio o día 18. Baixo a guía do director do museo, Antonio González, os visitantes coñeceron as singularidades deste histórico edificio, os seus excepcionais fondos e aprofundaron na traxectoria vital e literaria de Ramón del Valle-Inclán. Ademais, cada grupo recibiu unha guía para manter sempre información sobre o inmoble.
Esta iniciativa enmárcase na liña estratéxica da Concellaría de Cultura para divulgar a biografía e bibliografía do escritor, así como os recursos inéditos e orixinais da institución valleinclaniana, contribuíndo á dinamización cultural da vila.
Como dato de interese para futuras visitas, adaptouse o horario á demanda dos usuarios durante o verán: de martes a sábado, de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 20:00 horas.