Estas actividades teñen por finalidade espremer todo o potencial físico, mental e social ao máximo e preténdese fomentar a participación activa de todos/as lalinenses no entorno máis próximo, de acordo coas súas necesidades individuais, desexos, habilidades e posibilidades
11 octubre, 2025
A concelleira de Envellecemento Activo, Carmen Canda, anuncia para o vindeiro martes, 14 de outubro, o comezo das Aulas Sénior de Lalín con pintura ao óleo, acuarela, informática con dúas modalidades (iniciación e avanzado), Historia da Arte e saídas culturais, Estimulación Cognitiva e Inglés con dúas modalidades (iniciación e avanzado).
As clases de pintura ao óleo e acuarela serán impartidas todos os martes e desde o 14 de outubro de 10:00 a 11:30 e de 11:45 a 13:15 no Espazo Activo de Lalín (local da antiga radio local); Historia da Arte e saídas culturais tamén os martes desde o 14 de outubro de 17:30 a 19:00 na Aula do Lalín Arena; os mércores desde o día 15 de outubro de 10:30 a 11:30 e de 11:30 a 12:30 impártense clases de informática coas modalidades de iniciación e avanzado na Aula Cemit; Estimulación cognitiva os xoves desde o 16 de outubro con dous grupos, de 16:00 a 17:30 e de 17:30 a 19:00 na Aula do Lalín Arena; e inglés, todos os venres desde o 24 de outubro de 10:30 a 11:30 e de 11:30 a 12:30 coas modalidades de iniciación e avanzado, no Espazo Xove de Lalín.
Estas actividades teñen por finalidade espremer todo o potencial físico, mental e social ao máximo e preténdese fomentar a participación activa de todos/as lalinenses no entorno máis próximo, de acordo coas súas necesidades individuais, desexos, habilidades e posibilidades. Como o seu propio nome o indica, axudan a envellecer de forma máis activa, mellorando a saúde e creando espazos que nacen como instrumento normalizador e facilitador da activación social, mediante o deseño de actuacións orientadas a desenvolver habilidades sociais e socialización, aprendizaxe das técnicas levadas a cabo nas aulas para logo poder levar eses aprendizaxes ás nosas casas, fomenta a saúde, a autonomía persoal e a independencia das persoas maiores entre outras cousas.
O Concello persegue que a poboación desenvolva de forma individual e colectiva as capacidades a través de actividades físicas, como a actividade de musicoterapia ou o Programa “Lalín Activa no Rural” desenvolto en diferentes parroquias do Concello, e actividades intelectuais, dotando ás persoas dunha mellora na calidade de vida e saúde, favorecer a súa independencia, facilitarlles optar a novos coñecementos e habilidades, descubrir novas afeccións, acercarse aos avances tecnolóxicos, etc.