Alumnos do IES de Arzúa no aeroporto. Foto: cedida.
17 octubre, 2024
O IES de Arzúa celebra hoxe é mañá os Erasmus Days, xunto con a milleiros de centros de toda Europa. Unha escola acreditada Erasmus+ desde 2022, acreditación concedida até 2027. O instituto ten na actualidade varios programas Erasmus, un de ensino regular KA121 e outro de ensino profesional KA121VET.
Desde o IES explican que o Erasmus “é un piar fundamental da nosa escola, xa que non é só un proxecto de excelencia educativa, senón que se enmarca dentro do noso plan de internacionalización que pretende que o noso alumnado obteña oportunidades de formación inesquecíbeis alén das portas do instituto”.
O Erasmus ten por obxectivo a promoción dos valores de convivencia e solidariedade da UE a través da educación. O proxecto Erasmus+ de ensino regular do IES de Arzúa, que leva o nome de «Camiños de Europa», promove o intercambio de experiencias educativas tanto para alumnado como para profesorado.
Todas as actividades buscan promover e fortalecer uns valores fundamentais, tales como, a inclusión e a diversidade, a concienciación cultural e patrimonial, o desenvolvemento das habilidades lingüísticas, a protección e concienciación ambiental e a alfabetización dixital.
O ano pasado o proxecto de ensino regular KA121 mobilizou un total de 23 alumnos e alumnas en diferentes tipos de mobilidade con escolas de Chequia, Italia, Portugal e Francia. Ademais, un total de 10 profesores e profesoras fixeron mobilidades de formación de diferente índole en Portugal, Francia, Chequia e Malta.
Este ano, preparan unha mobilidade grupal, con alumnado de 3º e 4º de ESO, a unha escola secundaria de Angra do Heroísmo (Azores, Portugal) e tamén temos previsto mobilidades de alumnado grupal e individual con escolas de Países Baixos, Noruega e Francia.
Así mesmo, organizarán experiencias de observación e formación en escolas estranxeiras para profesorado. Por outra banda dous expertos visitarán o centro co obxectivo de organizar obradoiros e charlas que traballen polo miúdo os valores do programa.
O ano pasado, tamén mobilizaron un pequeno grupo de alumnado de Formación Profesional de grao básico e medio e conseguiron que fixesen as súas prácticas en varios países estranxeiros (Portugal, Chequia e Italia).
A intención é «pór a Arzúa no mapa dos Erasmus e da Unión Europea e difundir o programa, non só na comunidade educativa, senón tamén en toda a vila de Arzúa. Pensamos que abrir as mentes do alumnado e garantir un ensino de calidade con mentalidade galega e internacional ten un impacto positivo non só no noso centro, senón en toda a sociedade arzuá e, por extensión, en toda Galiza»