23 octubre, 2025
O Grupo de Goberno do Concello de Frades, encabezado polo alcalde Roberto Rey Martínez, asistirá este sábado 25 de outubro, ás 12:00 horas, á concentración convocada diante do centro de saúde de Ponte Carreira para reclamar unha mellor atención primaria no municipio.
Roberto Rey destacou que “seguiremos apoiando calquera reclamación de máis e mellores servizos para os nosos veciños e veciñas de Frades, especialmente todo aquilo que supoña avanzar nunha mellor atención sanitaria”. O alcalde subliña que o Concello é consciente do malestar existente coa atención que se presta, debido a queixas sobre incumprimentos de horario, cambios de citas ou atrasos na consulta, expedición de receitas, certificados ou informes. Estas reclamacións xa foron trasladadas varias veces á Xerencia de Santiago e ao responsable de zona, aínda que desde a Administración aseguran que non constan queixas dos pacientes.
Roberto Rey anima aos veciños a utilizar as canles oficiais do SERGAS para presentar reclamacións, e ofrece o apoio do Concello para guialos no procedemento cando sexa necesario.
O alcalde tamén resaltou que a situación da atención sanitaria en Frades mellorou nos últimos meses, froito das negociacións do Concello coa Consellería de Sanidade. Neste senso, lembrou que o Concello e a Consellería investiron case 50.000 euros na mellora das instalacións do centro de saúde de Ponte Carreira e do consultorio de Abellá, garantindo que o persoal sanitario poida traballar en condicións óptimas.
En canto á atención médica, Roberto Rey destacou que se conseguiu poñer fin aos problemas derivados das baixas da titular do consultorio de Abellá, que agora son substituídas sempre por outro facultativo, mantendo así a continuidade no tratamento dos pacientes e evitando a rotación de médicos.
O alcalde afirmou que seguirá insistindo ante os responsables do SERGAS e da Consellería para mellorar a atención sanitaria no municipio. “O noso compromiso será sempre o de apoiar e acompañar aos veciños e veciñas que participen na concentración de protesta”, concluíu.