21 junio, 2024
O Concello de Vimianzo presentou na mañá da xornada de hoxe, 21 de xuño, a programación cultural Vimiansol 2024, que inclúe unha decena de actividades entre as que se atopan propostas musicais, teatrais e de circo para todos os públicos.
As actividades vanse desenvolver entre o 13 de xullo e o 7 de setembro, todas elas ás 21:00 horas e de acceso libre e de balde. No cartel inclúense compañías galegas, estatais e internacionais que encherán de cultura os seráns vimianceiros.
A programación dará comezo o 13 de xullo na Praza do Concello coa Gala de Circo de Artefeito, que contará cos números dos artistas de Circo Chosco e Cirkompacto. Acrobacias, malabares, equilibrios e clown darán o pistoletazo de saída ao Vimiansol.
O Castelo será o privilexiado escenario do concerto do grupo Eburnie o día 19 de xullo. Este grupo vén da man da ONG Équeire e está formado por 14 músicos de Costa de Marfil. De aí toma o seu nome, precisamente, xa que a tradución é “branco coma o marfil”.
A programación continúa o sábado 27 de xullo con ‘Máis saaabor!’, unha proposta de teatro cómico de Culturactiva, na que dous recoñecidos chefs prepararán un saboroso menú feito con produtos de proximidade, con moita maxia, música e humor.
O grupo coruñés Misuria será o encargado de darlle a benvida a agosto, o día 2, cun concerto no Castelo no que interpretará o mellor da música delta blues, country blues e swing, entre outros estilos de todos os tempos.
Ao día seguinte, o 3 de agosto, a Praza do Concello acollerá os feitizos, malabarismos e o humor de ‘Simplemente Enricco’. Ofrecerá trucos incribles ou trucos desastrosos, e terá que ser o aguzado público quen axude a que a maxia suceda neste espectáculo.
O 17 de agosto desembarcan na Praza do Concello os ‘Soños Encantados’ de Tchyminigagua, un grupo de acróbatas procedentes de Colombia que ofrecen un espectáculo asombroso, con acrobacias únicas con música en directo.
A Cía Orain Bi ofrecerá ‘Mute’, unha proposta de circo que explora a idea de cambio e transformación, non só na natureza, senón tamén nas persoas, a través das acrobacias e o teatro xestual. Será o 24 de agosto na praza do Concello.
O sábado 31 de agosto poderase desfrutar de ‘Máximo Óptimo’, un bufón que leva o circo ao extremo, poñendo os pelos de punta ao público, que será partícipe do seu espectáculo.
En setembro terán lugar as dúas últimas citas do Vimiansol. O día 6 deste mes celebrarase o concerto de Alana no Castelo. O grupo, integrado por Pablo Castro, de Vimianzo, Eloy Vidal, de Corme, e Antía Vázquez, de Oleiros, ofrecerá un concerto no que deleitarán ao público cos seus temas tradicionais mesturados con pop e electrónica.
O día 7 pecharase a programación con Teatro ao Cubo e o seu espectáculo ‘De Vilatriste a Vilalegre’, teatro de monicreques que conta a historia dunha vila moi peculiar, cunhas augas que teñen poderes extraordinarios.
O programa de actividades Vimiansol está organizado polo Concello de Vimianzo, co apoio da Deputación da Coruña e o Centro Dramático Galego.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou a programación “como unha alternativa de ocio que é referente na comarca” e que dá continuidade “aos diferentes conxuntos de actividades que levamos organizando ao longo de todo o ano”.