4 octubre, 2024
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte, xoves 3 de outubro, as bases que regulan as axudas que o Concello do Pino dirixe a estudantes universitarios ou de ciclos formativos de grao superior. Estas axudas, destinadas a financiar os gastos correntes de material, residencia ou matrícula, terán un importe máximo de 300 euros por persoa.
Para solicitar as achegas, as persoas interesadas deberán levar polo menos un ano empadroadas no Pino, estar matriculadas en estudios universitarios de grao ou máster (non de doutoramento) ou nun ciclo formativo de grao superior e non superar a renda familiar anual establecida nas bases da convocatoria.
Concederanse un total de dez bolsas de 300 euros entre os estudantes que xustifiquen as rendas máis baixas.
As bases e o formulario de solicitude, que deberá presentarse por Rexistro, poden descargarse no documento adxunto. O prazo de solicitude será de dez días hábiles, a contar dende o día seguinte á publicación da convocatoria no BOP.