18 junio, 2024
Recollendo a petición trasladada por colectivos do pobo de Carril e facéndoa súa, o Concello de Vilagarcía rende homenaxe mañá a José Luis Mulet Rodríguez, un dos veciños de Carril máis queridos e respectados debido a súa implicación na vida social, cultural e deportiva da localidade. Falecido en abril de 2022 aos 74 anos de idade, o seu recordo quedará por sempre ligado ao seu pobo mediante no banco co seu nome que mañá se colocará na zona da Rosa, nas inmediacións da súa casa, e mirando a Cortegada, a illa que tanto amaba.
O acto terá lugar no miradoiro da Rosa ás 19.00 horas e contará coa asistencia do alcalde, Alberto Varela, membros da Corporación Municipal, representantes do Gato Negro -entidade que presidiu entre 1980 e 1986- e das numerosas asociacións e clubs dos que formou parte ou cos que colaborou ao longo dunha vida dedicada en gran medida ao estudo e divulgación da historia de Carril, traballo que deixou recollido en varias publicacións.