27 agosto, 2024
O Concello de Silleda acometerá nas vindeiras semanas a mellora dos viarios principais do parque empresarial Área 33, despois de adxudicar a obra á empresa Taboada y Ramos, que presentou a oferta máis vantaxosa das cinco que participaron no proceso de licitación. O orzamento final da actuación ascende a 130.479,41 euros (IVE engadido).
O 80% do investimento será financiado pola Consellería de Economía e Industria a través das súas axudas para a mellora de infraestruturas en parques empresariais, acadando así o Concello o máximo porcentaxe de axuda permitido. O 20% restante será cuberto con fondos propios do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.
Esta mellora das infraestruturas viarias do parque empresarial ten como obxectivo resolver o deterioro actual da capa de rodadura, causado polo envellecemento das mesturas, as inclemencias meteorolóxicas e o tránsito continuo de vehículos pesados. As obras incluirán a rehabilitación da calzada, dotándoa dunha nova capa de asfalto en quente tras o fresado da capa existente, así como o repintado das marcas viarias, mellorando así a seguridade e comodidade na circulación.
Estas actuacións son especialmente importantes dado o aumento de tránsito que se espera no polígono coa incorporación de novas industrias na segunda fase do parque. «Temos que ofrecer os mellores servizos para que esta segunda fase se colmate definitivamente», di a alcaldesa e responsable de Promoción Económica do Concello, Paula Fernández Pena.
A mellora das infraestruturas viarias era unha das demandas trasladadas ao goberno municipal pola Asociación de Empresarios do Polígono, e agora converterase en realidade. «A colaboración entre Administracións permítenos acadar resultados para atender as demandas que nos solicita a cidadanía, e esta obra é un exemplo delo», remarca a alcaldesa..
Con esta actuación, o Concello de Silleda continúa o seu compromiso coa mellora do parque empresarial Área 33, que nos últimos anos tamén se beneficiou de proxectos como a dotación de nova iluminación, a creación dunha nova zona de estacionamento e a implementación dun rueiro, entre outras.