18 noviembre, 2025
Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se conmemora cada 25 de novembro, a Concellería de Igualdade de Ribeira puxo en marcha unha ampla programación centrada na educación e na sensibilización das novas xeracións. A concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a axente de igualdade municipal, Chío Couto, explicaron que o Centro de Información á Muller decidiu poñer o foco na educación como ferramenta de transformación social, convencidas de que a igualdade debe inculcarse desde idades temperás. “O noso compromiso esténdese aos 365 días do ano”, sinalaron, lembrando que esta programación combina accións formativas, participativas e tamén iniciativas dirixidas a toda a cidadanía.
O propio 25 de novembro terá lugar un acto institucional na praza do Concello, ás 11:30 horas, coa participación do alumnado de 1.º da ESO dos institutos do municipio. Durante a xornada crearase un muro simbólico con caixas de cartón decoradas previamente en obradoiros con mensaxes a prol da igualdade, ademais de realizar unha lectura participativa dun manifesto e proceder á plantación dunha oliveira na memoria das vítimas de violencia machista. Paralelamente desenvolverase a actividade “A ruleta do benquerer”, un punto interactivo dirixido á cidadanía que estará operativo de 11:00 a 14:00 horas na praza do Concello e de 16:00 a 18:00 horas na rúa de Galicia, co obxectivo de fomentar reflexións sinxelas e directas arredor dos bos tratos.
A programación inclúe tamén propostas culturais, como o monólogo “Vicio houbo sempre”, que se representará o xoves 27 ás 19:00 horas no Centro Cultural Lustres Rivas. A peza, interpretada por Atenea García e dirixida ao público adulto, chega en colaboración coa Deputación da Coruña e recolle testemuños de mulleres maiores de 80 anos, ofrecendo en clave de humor unha ollada sobre o amor, a diversidade sexual, a emigración e as historias que tradicionalmente ficaron nas marxes. No ámbito dixital, o Concello lanzará a campaña “Di si ao bo trato”, convidando ás veciñas e veciños a compartir fotografías nas redes sociais mencionando as contas municipais @concello.ribeira e @CIMribeira.
A educación en igualdade ocupa un papel central nesta programación. O alumnado de Formación Profesional do CIFP Coroso asistirá o xoves 27 á charla “Agresións sexuais e violencia sexual”, promovida pola Consellería de Política Social. Nos institutos impartiranse obradoiros de sensibilización “O bo trato” para o alumnado de 1.º da ESO, mentres que para os máis pequenos haberá unha sesión de contacontos “Pola igualdade cos Bolechas”, acompañada de material didáctico. Todas estas actividades terán lugar nos centros educativos coa intención de fomentar a igualdade, o respecto á diversidade e a prevención das violencias machistas desde a empatía e a educación emocional.
A maiores, o CIM puxo en marcha a comezos de novembro o Programa Educativo de Igualdade e Diversidade, que se desenvolverá durante todo o curso escolar en primaria e secundaria. Este programa inclúe a iniciativa “Aprender Igualdade Creando”, dirixida ao alumnado de 6.º de primaria para traballar a igualdade desde a creatividade, e os “Talleres de Saúde Afectivo-Sexual”, orientados a 2.º e 4.º da ESO e á Formación Profesional Básica, cun enfoque centrado na educación afectivo-sexual desde unha perspectiva de xénero. Finalmente, a administración local súmase ás campañas institucionais “É VIOLENCIA con todas as letras”, da Xunta de Galicia, e “De fronte á violencia de xénero”, impulsada pola Deputación da Coruña, reforzando así o compromiso municipal de manter unha postura firme e activa contra calquera forma de violencia machista.