11 noviembre, 2025
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, acompañada pola primeira e terceira tenencia de Alcaldía, Vicente Mariño e Ana Barreiro, e pola concelleira de Promoción Económica, Carmen Pérez, mantivo onte unha reunión coa Asociación de Empresarios da localidade para tratar cuestións de interese en materia comercial e empresarial.
Entre os temas abordados destacaron as campañas de dinamización comercial que se desenvolven anualmente, entre elas a próxima iniciativa de Nadal, na que a patronal ribeirense, presidida por Francisco Martínez, xa está a traballar. Estas accións buscan un impacto positivo na economía e na sociedade local, co respaldo da administración municipal, que tamén avaliou a posibilidade de retomar o bono comercio como medida de apoio ao pequeno comercio.
Outro dos asuntos tratados foi o estado do mobiliario e a ornamentación urbana. As autoridades municipais comprometeronse a reubicar contedores de lixo para minimizar o impacto visual sobre os establecementos e os veciños. Ademais, puxéronse de relevo problemas de cartelería obsoleta en baixos comerciais baleiros, considerados un factor de “feísmo” urbano. A alcaldesa anunciou o inicio dunha campaña de mellora estética das rúas, que incluirá máis ornamentación vexetal e a instalación de maior iluminación no centro da cidade.
No ámbito empresarial, os participantes centráronse en dúas cuestións clave: o incremento de chan industrial e a posta en marcha da variante que circunvala a localidade. O goberno municipal cualificou ambas infraestruturas como “prioridades nas que estamos a traballar xa”, mostrando así o seu compromiso co desenvolvemento económico e a competitividade de Ribeira.