24 septiembre, 2024
O Concello de Oroso levará a cabo a creación dunha nova Casa da Xuventude no actual Centro Cívico do municipio, un proxecto que se espera que estea rematado antes de finalizar o ano. Esta iniciativa conta cun orzamento de case 50.000 euros e enmárcase dentro dun Proxecto Senlleiro do AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Xunta de Galicia.
A futura Casa da Xuventude será un espazo aberto e dinámico para os mozos e mozas de Oroso, permitindo a realización de actividades e eventos destinados á súa formación e entretemento. Para habilitar este espazo, levarase a cabo un proceso de reestruturación no Centro Cívico, que incluirá o traslado dos servizos de Protección Civil e o Xulgado de Paz a outras instalacións municipais.
Ademais, as obras incluirán unha reforma integral dos baños do edificio, co obxectivo de mellorar as súas condicións e adaptalos ás novas necesidades do espazo.
Tamén está prevista a insonorización completa da escola de música, que compartirá edificio coa Casa da Xuventude, garantindo así a compatibilidade entre as actividades que se desenvolvan en ambos espazos.
O alcalde de Oroso, Alex Doval, destacou a importancia desta nova infraestrutura para o concello, subliñando que «a Casa da Xuventude será un punto de encontro clave para a mocidade de Oroso, nun lugar renovado e adaptado ás súas necesidades».
Este proxecto demostra unha vez máis o compromiso do Concello de Oroso coa creación de espazos que promovan o benestar e a participación activa da xuventude no municipio.