25 noviembre, 2025
O Concello de Lousame, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, deu hoxe o pistoletazo de saída á campaña de sensibilización “Abrígate baixo o paraugas do bo trato”, financiada con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e ao Ministerio de Igualdade. A iniciativa estivo presidida polo acto oficial de conmemoración do 25N, celebrado na praza do concello, que reuniu a máis de 150 persoas entre alumnado, persoal municipal, membros da corporación e integrantes das asociacións Amicos e A Misela.
O alcalde, Esteban Ares García, foi o encargado de dar lectura ao manifesto institucional, no que apelou á “tolerancia cero cos maltratadores” e fixo un chamamento á cidadanía a construír “unha sociedade máis solidaria, máis equilibrada e máis igualitaria, sen discriminacións”. Dirixíndose á mocidade, subliñou a importancia de implicarse activamente: “Anímovos a que loitedes e a que tomedes moi en serio o que reivindicamos hoxe”.
No acto, o alumnado do CPI Cernadas de Castro presentou o seu traballo dentro da campaña, asistindo con paraugas decorados con mensaxes a prol da igualdade e en contra da violencia de xénero. Ademais, leron haikus creados nas aulas como forma de sensibilización artística. Aos estudantes sumáronse os membros das asociacións Amicos e A Misela, que tamén leron mensaxes reivindicativas.
A culminación do evento consistiu na pegada destes haikus e mensaxes nun gran panel violeta deseñado polo Concello, co lema “Abrígate baixo o paraugas do bo trato”. Neste panel, as mensaxes negativas —como violencia, machismo e desigualdade— representaban as pingas de choiva, mentres os paraugas protexían as palabras positivas, simbolizando igualdade, respecto e dereitos.
A campaña extenderase agora ás redes sociais, onde toda a veciñanza poderá participar ata o 7 de decembro de dúas formas: compartindo a publicación do Concello co cancelo #abrigatenobotrato ou subindo unha fotografía cun paraugas, utilizando o mesmo hashtag e etiquetando ao Concello de Lousame nas súas contas oficiais: Facebook (concello.delousame), Instagram (@somosLousame) ou X (@SomosLousame). Para aquelas persoas que non dispoñan de redes sociais, o Departamento de Igualdade ofrece a opción de enviar a súa frase por WhatsApp ao 689 126 385, indicando nome e apelidos ou grupo ao que representan.
O concurso está aberto a participación individual ou grupal, e ao finalizar a campaña sortearanse diversos premios: un vale para unha cea para catro persoas, dous vales de 50€ para farmacias, dous vales de 50€ para ferreterías locais e 50 paraugas rotulados co lema da campaña, entre todas as persoas ou grupos participantes.