20 noviembre, 2025
O Concello de Brión vén de abrir o prazo de inscrición no programa Concilia Nadal 2025, unha iniciativa municipal destinada a facilitar a conciliación familiar durante as vacacións de Nadal. O programa está dirixido a familias empadroadas no municipio con crianzas nadas entre os anos 2013 e 2022, e desenvolverase no pavillón polideportivo municipal ao longo de dez días: 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro, e 2, 5 e 7 de xaneiro. O horario será de 8:00 a 15:00 horas.
O Concello ofrece un total de 40 prazas, cun prezo público de 25 euros por participante. As fichas de inscrición están dispoñibles na web municipal (concellodebrion.gal) e poden presentarse tanto a través da sede electrónica como de maneira presencial no Rexistro Auxiliar do centro social polivalente ata o 26 de novembro.
Para a selección das crianzas participantes, terán prioridade aquelas unidades familiares nas que ambos proxenitores poidan acreditar ocupación laboral durante esas datas. Tamén se priorizarán os casos recollidos na normativa do Plan Corresponsables, incluíndo familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero e fogares con cargas vinculadas aos coidados. Por último, valorarase a renda per cápita das unidades familiares solicitantes.