18 septiembre, 2024
O Concello de Arzúa, a través dos seus Servizos Sociais Comunitarios, anuncia que o prazo para solicitar as Axudas de Apoio ao Estudo para o curso 2024/2025 estará aberto desde o xoves 19 de setembro ata o mércores 2 de outubro, ambos incluídos.
Estas axudas teñen como obxectivo principal facilitar o acceso á educación en igualdade de condicións, apoiando ás familias que, debido á súa situación económica, teñen maiores dificultades para afrontar os gastos escolares dos seus fillos e fillas. A través deste programa, o Concello de Arzúa busca compensar os custos derivados da escolarización e asegurar que todas as crianzas poidan comezar o curso con todo o material necesario.
Contía das axudas e gastos subvencionables
Cada familia poderá recibir 120 euros por cada alumno/a matriculado en educación infantil, primaria ou secundaria obrigatoria nalgún dos centros educativos do municipio. Estes fondos están destinados a cubrir diversos gastos escolares, entre os que se inclúen:
Material escolar funxible: libretas, folios, cores, bolígrafos, carpetas, tinta de impresora, etc.
Material complementario: mochilas, estoxos, compases, libros de lectura.
Material deportivo: chandals, zapatillas, camisetas.
Roupa de abrigo e calzado.
Como presentar a solicitude
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente a través da sede electrónica do Concello de Arzúa ou de maneira presencial no Rexistro Xeral da Casa do Concello.
Para formalizar a solicitude, é preciso aportar a documentación requerida, que inclúe, entre outros, o DNI de todos os membros da unidade familiar, o libro de familia e a matrícula escolar do curso 2024/2025.
Máis información
Para consultar todos os requisitos completos, a documentación necesaria e outros detalles, as persoas interesadas poden acceder á información dispoñible no blog corporativo do Concello de Arzúa, arzua.gal. Para calquera dúbida ou consulta, tamén se pode contactar cos Servizos Sociais no teléfono 981 815 297 ou no correo electrónico servizos.sociais@concellodearzua.com.