25 agosto, 2024
No ano 2007, o Concello de Ames puxo en marcha o servizo municipal de transporte adaptado, que facilita que as persoas con problemas de mobilidade poidan realizar tarefas esenciais como acudir aos servizos médicos, realizar xestións administrativas ou asistir a eventos sociais. Trátase dun servizo que se pode considerar prioritario para moitos veciños e veciñas de Ames, xa que lles permite mellorar as súas condicións de vida.
O ano pasado, a concellería de Benestar Social impulsou a campaña “Levámoste. En Ames temos para ti transporte municipal adaptado”, para dar a coñecer este servizo que gran parte da veciñanza descoñece. O seu obxectivo era reforzar a promoción do transporte adaptado, que pode ser empregado polas persoas maiores e /ou persoas como dificultades de mobilidade. Cómpre destacar que Ames é un dos poucos, por non dicir o único, Concello de Galicia que presta directamente este servizo.
Este servizo de transporte conta cun microbús de trece prazas, que se dividen en once para persoas sentadas e dúas cadeiras de rodas. O vehículo complétase coa condutora e a auxiliar de transporte que axuda a todas as persoas usuarias a subir e baixar do microbús. Dolores é a auxiliar de transporte, e sinala que este “é un gran servizo, porque hai moita xente maior que ten dificultades para camiñar e opcións coma esta facilitanlles moito a vida”. O grado de dependencia da veciñanza que demanda este servizo está marcado por doenzas como a esclerose múltiple, trastornos psicolóxicos ou emprego de cadeira de rodas e idade avanzada. Para usuarias como Otilia o transporte adaptado é fundamental tamén por razóns económicas: “Sen este servizo eu non podería ir á Escola de Maiores, tería que pagar varios taxis todas as semanas”. Ademais, durante o traxecto poden socializar e establecer relacións con outros usuarios do servizo, tal e como sinala Carmen: “É unha marabilla, falamos todos con todos e o tempo pásase mellor”.
Virginia Costa é a condutora encargada de levar o microbús, e explica que o servizo do transporte ten un horario amplo, para facilitar que todos os usuarios cheguen aos seus compromisos a tempo: “De luns a venres empezamos ás 8:00, e sobre as 18:00 está o servizo terminado, tanto dos centros que temos fixos como da xente que teña citas médicas no hospital ou outras citas importantes”.
Unha ferramenta para facilitar as actividades diarias
Ir ao centro de saúde ou ao hospital, ao banco, a realizar actividades administrativas ou culturais, á clínica dental ou de fisioterapia, á piscina, á farmacia, á perruquería ou a facer a compra poden ser actividades imposibles para persoas problemas de mobilidade. Por iso, todas as persoas que o precisen poden facer uso do servizo de transporte adaptado do Concello de Ames, que se xestiona desde a Oficina municipal de Voluntariado, para realizar actividades da vida cotiá. O servizo está activo de luns a venres, en horario interrompido de 8:00 horas da mañá ás 19:00 horas da tarde.
Así, o Concello de Ames inviste en programas de carácter social como o transporte adaptado, que permite cubrir as necesidades de determinados veciños e veciñas que quedaban fóra do servizo de ámbito autonómico.
Para solicitar máis información ou facer a súa reserva de praza, o servizo conta cun teléfono gratuíto: 900 204 000. Tamén se pode chamar ao teléfono 662 377 044 da Oficina de Voluntariado de Ames. Para unha atención personalizada os interesados e interesadas poden achegarse á Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) na Casa da Cultura de Bertamiráns. O horario para facer a consulta, sexa de forma presencial ou por teléfono, é de luns a venres de 9.00h a 14.00 horas.