29 octubre, 2024
O Concello de Ames lanza un novo programa cultural para o vindeiro mes de novembro. Trátase dunha programación que recolle actividades musicais e un espectáculo de danza relacionados coa celebración da patroa dos músicos. Desde xeito, co gallo da Santa Icía, do 20 ao 24 de novembro o concello encherase de música con distintas propostas. As entradas e convites para os espectáculos poden adquirirse a través da Billeteira electrónica.
A oferta cultural da semana da música está integrada principalmente por talentos musicais afincados no concello. Deste xeito, pasarán polos dous auditorios municipais figuras consolidadas como Luis Fercán ou Héctor Rial, estrelas emerxentes como Anxo Gómez, alumnado da Escola Municipal de Música de Ames ou agrupacións de música tradicional como as Pandeireteiras da Costaneira ou a coral polifónica de Bugallido.
Durante o acto de presentación, o alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou que “este é segundo ano que elaboramos esta programación. O noso obxectivo con estas actividades non só é encher de música o concello durante esta semana, senón tamén ofrecer opcións variadas e potenciar e visibilizar o talento musical que temos aquí, para dalo a coñecer a todos os veciños e veciñas”.
Nesta liña, a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, explicou que “durante a semana da música imos contar con grupos locais, como non podía ser doutra maneira”, e incidiu na variedade da programación pois “haberá tanto músicos amateurs como profesionais, que tocan distintos estilos e en formacións moi diversas”.
A directora da Escola Municipal de Música de Ames, Pilar Martínez, dixo “dentro da Escola de Música temos varias agrupacións e dentro desta programación vai actuar o combo de voces, ademais dos combos xuvenil e de adultos e da agrupación de saxos, todos eles con distintos estilos musicais. O alumnado está desexando participar nestas actuacións que lles serven para adquirir novas experiencias e mostrar o seu traballo en público”.
Pola súa banda, o músico Héctor Rial falou do seu espectáculo “Azúcar, pimienta y sal”, que “aportará un toque internacional á programación, repasando as orixes do tango e os grandes títulos deste xénero”.
Santa Icía 2024
A programación comeza o mércores 20 de novembro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro co concerto dos combos e agrupacións da Escola Municipal de Música de Ames.
Ao día seguinte, o xoves 21, ás 20:30 horas, o músico Luis Fercán chegará coa súa xira “Postales perdidas” á Casa da Cultura de Bertamiráns.
O venres 22 volverá a Ames o show de tango “Azúcar, pimienta y sal”, no que o cantor d tango Héctor Rial actuará acompañado de cantantes, bailaríns e músicos referentes do mundo do tango. A proposta conta cun amplo repertorio no que se conxugan tangos, valses e milongas de onte, hoxe e sempre, ao que se suman bailaríns, abarcando así todas as expresións deste xénero musical.
Xa durante a fin de semana, o sábado 23 de novembro, ás 19:00 horas, a coral de Bugallido organiza un concerto no auditorio de Bertamiráns no que actuarán xunto co coro de Pais Conservatorio de Música de Maia e as pandereteiras da Costaneira.
A celebración da Santa Icía rematará cunha velada violinística o domingo 24, ás 19:00 horas, no auditorio de Bertmairáns. Nela actuará o violinista Anxo Gómez Piñeiro acompañado ao piano de Haruna Takebe.