30 noviembre, 2025
Despois do éxito das edicións de 2021, 2022, 2023 e 2024, o Concello de Ames retoma para este Nadal o programa de incentivos ao comercio a través de bonos de desconto. A iniciativa, que busca ter un impacto positivo no comercio local, conta cun orzamento de 60.000 euros. Nesta iniciativa colaboran as asociacións Xuntanza de Empresarios de Ames, Asociación de empresarios Novo Milladoiro e maila Asociación de pequenos comerciantes Viorneira Palmira Bulebar.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “o Concello de Ames pon en marcha unha nova campaña dos Bonos Consuma tralo éxito das campañas anteriores. Trátase dunha iniciativa que ano tras ano xera un volume de negocio moi importante para o comercio e hostalería do noso concello. En 2023 acadouse un volume de negocio total de 258.842 euros e en 2024 chegouse á cifra de 248.463 euros. Na edición de 2024 o crédito esgotouse en menos dun mes o que é unha clara mostra do éxito desta campaña”.
Por outra banda, Ana Belén Paz fixo un chamamento ao sector hostaleiro e comercial a participar nesta iniciativa, especialmente aos comercios do Milladoiro da avenida de Rosalía de Castro. Paralelamente adiantou actuacións específicas nesa zona para revitalizar o comercio da rúa Rosalía de Castro e das inmediacións, que serán recollidas nos orzamentos do ano 2026”.
Prazo de adhesión para os establecementos comerciais e hostaleiros
Aqueles establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal entre o 1 e o 15 de decembro, ambos incluídos. Todos os establecementos participantes deberán contar cun adhesivo que os acredite como establecementos colaboradores. Este ano destinaranse un total de 60.000 euros aos Bonos Consuma.
A campaña para veciños/as e visitantes, para consumir os bonos nos establecementos comerciais e hostaleiros de Ames, será do 19 de decembro ao 19 de febreiro de 2026, ambos incluídos.
Características dos Bonos Consuma
A campaña Bonos Consuma busca promocionar os sectores de comercio e hostalería de Ames, para reactivar a economía do municipio impulsando o consumo nos establecementos locais. Cada bono terá a consideración de bono desconto por valor de ata 50 euros para as compras que se fagan nos establecementos adheridos, e poderase usar ata o seu esgotamento ou, se é o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.
Como vai funcionar este desconto? O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada:
-Desconto de 5 euros en compras iguais ou superiores a 10 euros, e inferiores a 30 euros.
-Desconto de 10 euros en compras iguais ou superiores a 30 euros, e inferiores a 50 euros.
-Desconto de 15 euros en compras iguais ou superiores a 50 euros.