20 noviembre, 2025
A programación de Nadal en Ames este ano contará coa novidade da celebración dun Mercado de Nadal na praza da Maía para os vindeiros días 19, 20 e 21 de decembro. O mercado estará instalado dentro dunha carpa e contará cun total de 18 postos distribuídos por toda a superficie. As 12 localizacións destinadas á artesanía estarán situadas nos laterais do mercado, mentres que os 6 postos de alimentación e produtos da horta estarán localizados na parte central do mercado. Así como se recolle no anexo de identificación dos postos na carpa do Mercado de Nadal que se pode consultar na seguinte ligazón.
O Mercado de Nadal abrirá o venres 19 pola tarde, en horario de 17.00 a 20.30 horas. O sábado 20 e o domingo 21 de decembro, abrirá en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 17.00 a 20.30 horas. Cómpre destacar que o mercado contará cun dispositivo de vixilancia de seguridade nas horas de peche, polo que os propios expositores poderán decidir se deixar a mercancía nos postos ou non.
Na actualidade hai 15 solicitudes presentadas para participar no Mercado de Nadal, polo que quedan tres postos libres. Para completar os 18 postos de dito mercado o Concello abre un prazo extraordinario de inscrición dende hoxe, xoves 20, ata o vindeiro mércores 26 de novembro (5 días hábiles).
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “se decidiu abrir un prazo extraordinario de inscrición para tratar de completar os 18 postos do Mercado de Nadal. A través desta iniciativa búscase crear un ambiente festivo nas rúas aproveitando as festas de Nadal e que este mercado serva para que os veciños e veciñas poidan realizar as súas compras. Trátase de incrementar a oferta comercial do concello con produtos de artesanía e de alimentación frescos e de proximidade”.
Inscrición e pagamento de taxas
Poden participar no mercado as persoas comerciantes, artesás e produtoras con capacidade para producir, exhibir, elaborar e vender produtos. Xunto co modelo de solicitude, que se pode descargar na seguinte ligazón, as persoas interesadas deben enviar á Sede Electrónica do Concello de Ames unha copia do DNI ou CIF, copia da última cota pagada en réxime de autónomos (ou do réxime que corresponda) ou compromiso asinado con que estarán de alta no momento de participación do mercado, certificado das epígrafes da IAE, rexistro sanitario e certificacións das autorizacións pertinentes de elaboración e manipulación de alimentos, seguro de responsabilidade civil e copia da carta de Artesanía de Galicia.
Ás persoas solicitantes que finalmente se lles adxudique un dos postos ofertados no Mercado de Nadal comunicaráselles ao correo electrónico especificado na solicitude de participación. Os comerciantes terán que aboar, no prazo de dous días naturais desde a recepción da notificación de concesión do posto, a taxa correspondente á Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público do Concello de Ames. O importe da taxa, de conformidade coa ordenanza fiscal, é de 1,5 euros/día, é dicir terían que aboar un total de 4,5 euros. As taxas poden pagarse a través da Oficina Virtual Tributaria.
Asignación de postos en concorrencia non competitiva
Para facer efectivo o pagamento, os feirantes deberán de poñerse en contacto co servizo de Recadación do Concello de Ames no teléfono 981 884 896 e a través do correo ames@canaltributos.com. No mesmo prazo de dous días naturais para facer efectivo o pagamento da taxa, remitirán o xustificante do dito pagamento ao correo electrónico: promocioneconomica@concellodeames.gal.
A asignación de postos farase en concorrencia non competitiva, e iranse atribuíndo conforme á data e hora de chegada na Sede electrónica do Concello de Ames das solicitudes que cumpran cos requisitos recollidos nas bases.