O Centro de Información á Muller (CIM), activo no Concello de Lalín desde 2002, subvencionado pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Loita contra a violencia de xénero e conveniado para o servizo compartido cos concellos de Rodeiro e Agolada desde o 2014 é un recurso próximo á cidadanía que garante ás mulleres en situación de vulnerabilidade: asesoramento xurídico, atención psicolóxica, prioridade na intervención, derivación e tramitación de recursos ás vítimas de violencia de xénero, así como calquera outro tipo de información.
A responsable municipal, Carmen Canda, explica que “ademais da atención directa ás mulleres, desde o CIM lévanse a cabo actividades a prol da igualdade organizadas e coordinadas polo departamento de Igualdade municipal”. Avanza que “a estatística das consultas atendidas desde inicios deste ano son”:
Asesoramento xurídico |
110 |
Atención psicolóxica |
136 |
Intervención con vítimas de violencia de xénero |
247 |
Información sobre outros recursos e actividades |
76 |
TOTAL |
569 |
|
|
Sinala Canda que “entre outras funcións no CIM están o apoio ao asociacionismo feminino, coa tramitación anual de subvencións ás asociacións de mulleres da comarca, da que foron receptoras este ano 13 asociacións”.
Mesa Local de Coordinación
“Tamén o CIM se ocupa do traballo de coordinación a prol da erradicación da violencia de xénero a través da Mesa Local de Coordinación fronte a violencia de xénero, activa desde 2008, considerada unha ferramenta indispensable para a mellora nas actuacións levadas a cabo coas vítimas de violencia de xénero”, explica.
Nela están convocados diferentes profesionais implicados na atención ás vítimas de distintos departamentos como Policía Local, Colexio de avogados, Subdelegación do Goberno, Educación e Garda Civil. Anuncia que terá a súa convocatoria no mes de decembro, de cara a traballar obxectivos que palien o aumento das consultas e intervencións en vítimas que, desde o CIM, se levan detectando nos últimos tempos, como reflicten as estatísticas.