5 julio, 2024
O Concello de Arzúa anuncia a reapertura da área recreativa de Ribadiso, pechada dende finais de 2019. Tras adxudicarse «O Chiringuito», a empresa responsable confirmou que están en posición de abrir o venres, 12 de xullo, data que tamén marcará o inicio dos «Seráns en Ribadiso».
A novidade é que desde o goberno municipal decidimos establecer unha vixencia de 5 anos para a concesión, con posibilidade de prórroga por ata 2 anos adicionais (1+1). Este acordo resultou beneficioso tanto para o Concello, xa que garante a continuidade dos esforzos pola recuperación da área a medio prazo, como para a empresa que recibiu a concesión. Ao contrario doutras convocatorias, esta empresa recibiu «O Chiringuito» cunha cociña renovada, unha obra e inversión que non estaba ao alcance de calquera pequeno negocio.
Os «Seráns en Ribadiso» son a aposta do Concello por ampliar a axenda cultural máis alá das datas sinaladas. Este espazo privilexiado, cunha contorna que invita ao lecer e ao descanso, é referencial non só para as arzúans e arzuás, senón para toda a bisbarra.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, comentou sobre esta iniciativa:
«Cos ‘Seráns en Ribadiso’ quixemos dar un paso máis cara a recuperación deste espazo, patrimonio de todas as veciñas e veciños de Arzúa. ‘O Chiringuito’ levaba moitos anos pechado e pensamos que o dotalo de contido cultural axudará a dinamizar e consolidar este espazo. Continuamos, deste xeito, co noso compromiso de poñer o Concello de Arzúa a funcionar para mellorar a vida da veciñanza.»
A inauguración terá lugar a partir das 18:30 horas e arrancará coa actuación de Pakolas e o seu espectáculo «Ramona Órbita, a dona do tempo», onde o artista interpretará temas de rock mentres interactúa cos nenos e nenas nunha viaxe na que aprenderán como coidar do medioambiente. A continuación, ás 20:00 horas, «Luar nas Augas» amenizará a festa ao ritmo da música tradicional.
«Estamos orgullosas e orgullosos dos avances, mais somos conscientes de que aínda queda moito traballo por facer. Esperamos que os ‘Seráns en Ribadiso’ e a reapertura do ‘Chiringuito’ sexan o primeiro paso que axude ás demais administracións con responsabilidades nesta zona a entender o potencial que ten a mesma. Nomeadamente, a Augas de Galiza, á que xa lle trasladamos que o noso obxectivo era recuperar tamén a zona de baño e que para iso precisábamos da súa colaboración. Queremos que Ribadiso sexa da veciñanza e por iso non descansaremos ata acadar un compromiso coas institucións afectadas e devolverlle a área recreativa todo o seu esplendor para disfrute da veciñanza», explicou Xoán Xesús Carril.