19 junio, 2024
Coñece-lo que é a diabetes, ver e tocar un sensor e unha bomba de insulina ou le-lo novo volume da colección Os Bolechas: Amigas e amigos con diabetes. A realidade sobre esta enfermidade aproximouse ao alumnado do CEP Pilar Maestú Sierra na mañá do 17 de xuño, da man da Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia), coa colaboración da Concellaría da Sanidade da Pobra do Caramiñal.
Para que tódolos nenos e nenas teñan acceso á historia que narran Os Bolechas, imprimiuse o libro en láminas para expoñer na biblioteca do centro de estudos, lugar onde permanecerá ata finais de curso.
“Decidimos colaborar con esta nova iniciativa de Anedia pasando a formato de láminas o contido desta obra como ferramenta para visibilizar e sensibilizar. Unha vez máis, únense cultura e sanidade. Aquí, texto e ilustracións compleméntanse para que as crianzas comprendan mellor o día a día de quen padece esta enfermidade”, declara a concelleira da Sanidade, Patricia Lojo. Reitera tamén o apoio da Administración local a este tipo de propostas co obxectivo de informa-la cidadanía sobre diferentes doenzas. Lojo lembra que “xa tivemos na casa da cultura Raquel Fernández Soler, entre finais do mes de abril e principios de maio, a exposición fotográfica A Orixe: a diabetes, un camiño de vida, que retrata as diferentes etapas desa nova senda por percorrer que se abre cando se diagnostica a diabetes. E o camiño A Orixe exerce como fío condutor.”
O relato Amigas e amigos con diabetes tamén está dispoñible na páxina web www.anedia.gal e forma parte do proxecto cultural da entidade, con financiamento da Deputación da Coruña.