9 agosto, 2024
Ao redor de medio cento de fragmentos de cerámica, datados entre a época castrexa e a Alta Idade Media, e un brochiño de bronce foron recuperados recentemente no Castro Lupario polos trece mozos e mozas que participan no campo de voluntariado internacional que se está a desenvolver no xacemento desde o pasado 5 de agosto.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén Docampo, visitaron esta mañá o lugar para coñecer de primeira man os traballos que se están levando a cabo no Castro Lupario, así como a experiencia das trece persoas mozas que participan no campo e que proceden de distintos puntos de Galicia, doutras comunidades españolas e tamén de Francia e Italia.
Trátase de mozos e mozas de entre 18 e 26 anos que estudan e traballan en campos diversos como a sanidade ou as enerxías renovables. Nesta edición, a diferenza das anteriores, moitos están tamén vinculados á historia e á arqueoloxía. Respondendo a este interese, e tendo en conta que non están habilitados para facer escavacións, o campo permítelles aproximarse ás sondaxes arqueolóxicas e á arqueoloxía experimental xunto a dous arqueólogos e unha restauradora.
Ademais de limpar a muralla do castro para que os visitantes poidan circundala, os voluntarios están a debuxar os petróglifos próximos ao castro, facer peches de cana e barro e experimentar con pigmentos de cor extraídos directamente da natureza.
Martín Rivas, o roisense director da intervención arqueolóxica, apunta á divulgación patrimonial como principal obxectivo da iniciativa. Por primeira vez, as pequenas sondaxes arqueolóxicas que se están realizando quedarán documentadas con informes. Neles recollerase o achado dunha cincuentena de fragmentos de cerámica e un pequeno broche de bronce, pertencentes ao período que abrangue desde a época castrexa á altomedieval, contribuíndo a dilucidar o tempo no que o castro estivo habitado.
Rivas tamén subliña o gran potencial do Castro Lupario por estar localizado a carón do Camiño de Santiago e o seu carácter lendario como lugar de residencia da raíña Lupa, un carácter que refrenda a bibliografía medieval en obras como o Códice Calixtino.
O campo estenderase ata o vindeiro mércores 14 de agosto, combinando excursións para coñecer a contorna e actividades lúdicas e culturais. Esta mesma noite, o Xardín do Recordo no Faramello acollerá unha festa intercultural na que voluntarios e visitantes poderán desfrutar dunha queimada teatralizada.
Os mozos e mozas xa puideron gozar da praia fluvial de Seira e do mercadiño de Padrón, e aproveitarán a fin de semana para visitar Santiago e achegarse a outros castros, como o de Neixón en Boiro, o da Cidá en Ribeira e o de Baroña en Porto do Son. O programa do campo, dirixido por Pilar Lago, complétase con chapuzóns na piscina, actividades de aventura como caiac, tiro con arco ou láser tag, e veladas nocturnas con xogos e xincanas.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, agradeceu o labor dos voluntarios e agasallou a cada un deles cunha medalla do Concello, recordando que moitos dos participantes de edicións anteriores seguen mantendo vínculos co municipio e exercen como embaixadores do seu patrimonio cultural e natural.