31 marzo, 2024
O Auditorio do Grove continúa co seu primeiro semestre do 2024 da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que conta con dúas novas funcións programadas para este vindeiro mes de abril.
Os Fabulosos Cleaners. 14 de abril, 18.00 h.
O 14 de abril o Auditorio do Grove acollerá a representación do espectáculo ‘Os fabulosos cleaners’ de Malasombra Producións.
Os Fabulosos Cleaners é un espectáculo para todas as idades, creado por Luis Beviá e Xoque Carbajal, con dirección de Marcos Orsi e Xoque Carbajal e interpretado por Xoque acompañado de Jouse García.
Carbajal e García interpretan a dous operarios da limpeza do teatro que descobren por casualidade as múltiples posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir de aí, as persoaxes emprenderán unha viaxe fantástica conducidas polas pompas e burbullas.
Os intérpretes sorprenderán ao público con burbullas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. Será un espectáculo cheo de cor e de moito humor, que encherá o patio de butacas de miles de pompas de xabón.
As entradas poderán adquirirse na Biblioteca Municipal o venres 12 de abril ou no propio Auditorio do Grove o domingo 14 de abril, de 16.30 a 17.45 h.
Morte accidental dun anarquista. 27 de abril, 20.30 h.
Talía Teatro interpretará o 27 de abril no Auditorio do Grove unha comedia, adaptación da clásica obra do italiano Darío Fo, “Morte accidental dun anarquista”, producida integramente en galego.
«Morte accidental dun anarquista» é un sainete político, unha disputada e reflexiva comedia que, aínda cincuenta anos despois de ser escrita, segue aportando sons que, dun xeito máis ou menos directo ou metafórico, segue reverberando aínda nos muros da actualidade.
Orixinalmente escrita polo dramaturgo italiano Dario Fo, a obra foi estreada en 1970, e os sucesos narrados baséanse nun feito real que ocorreu nos Estados Unidos nos anos 20, cando un emigrante italiano caeu por unha fiestra do edificio do FBI en Nova York. Utilizando o suceso como pretexto, Fo retrata a un home retido na xefatura de Policía acusado de impostor. Durante os tres anos seguintes á súa estrea, “Morte accidental dun anarquista” foi a obra máis vista en Italia, sumando máis dun millón de espectadores.
Á cabeza da obra está Cándido Pazó, director, narrador e actor galego e o elenco complétano Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Artur Trillo, Diego Rey e Marta Ríos.
As entradas poderán adquirirse na Biblioteca Municipal o venres 26 de abril ou no propio Auditorio do Grove o sábado 27 de abril, de 17.30 a 20.15 h.