6 junio, 2024
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as instalacións da escola unitaria de Sergude, integrada no CRA Boqueixón-Vedra “Neira Vilas”. Unha visita “en agradecemento polo agasallo de versos de Luísa Villata escritos polo alumnado da escola para celebrar o Día das Letras Galegas”, ao tempo que salientou que “o Concello de Boqueixón sente orgullo das escritoras e escritores galegos que, como Luísa Villalta, constrúen a súa obra na nosa lingua e se converten en altofalantes das nosas letras”.
O rexedor aproveitou esta visita para agasallarlle ao centro educativo dous libros: un editado polo Concello de Boqueixón e que recolle os escritos gañadores do X Certame de Relato Curto Xosé Neira Vilas e un novo exemplar de “Caracol, cara de col”, un conto infantil escrito por Baia Fernández de la Torre e ilustrado por Tania Solla, que se sumará ao xa dispoñible no CRA de Boqueixón-Vedra Neira Vilas.