2 octubre, 2024
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, reuniuse co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para discutir diversos proxectos de mellora do patrimonio cultural no concello. Entre os temas tratados, destacouse o avance no proceso de declaración do Pico Sacro como Ben de Interese Cultural (BIC), un lugar de gran relevancia histórica e cultural en Galicia.
O alcalde subliñou a importancia do Pico Sacro, non só para Boqueixón, senón para toda Galicia, pola súa conexión coa cultura Xacobea e a súa mención no Códice Calixtino. Rodeiro destacou os traballos de conservación e mellora levados a cabo nos últimos anos, incluíndo a demolición dunha estrutura de formigón inacabada e a substitución da cuberta do depósito de augas por unha vexetal para reducir o impacto visual. Tamén se realizaron limpezas na contorna, plantación de especies autóctonas e a retirada de máis de 3.000 quilos de refugallos das covas, ademais da renovación da sinaléctica do lugar.
Por outra parte, o alcalde aproveitou a ocasión para presentar ao conselleiro varios proxectos de conservación da ponte de Ledesma, unha infraestrutura de gran valor histórico e turístico, testemuña de episodios importantes como a batalla contra as tropas napoleónicas en 1809. Rodeiro destacou a importancia deste enclave para o turismo local, que acolle eventos como a Noite Velada e a recreación da batalla de Ponte Ledesma, atraendo milleiros de visitantes cada ano.