7 junio, 2024
O Concello de Ames, a través do seu alcalde, Blas García, vén de enviarlle unha carta ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e ao Director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, para solicitar información sobre o estado do expediente de contratación do novo CEIP do Milladoiro.
O rexedor pediu celeridade para que a obra poida ser licitada, adxudicada e contratada canto antes e solicitou información tanto a Consellería de Educación de Román Rodríguez, como a Axencia Galega de Infraestruturas dirixida por Francisco Menéndez, para saber en que punto exacto se atopa o expediente de contratación: “Está claro que a data de remate de mediados do ano 2025, que se deu na visita do presidente Rueda no mes de febreiro do ano 2023, non se vai poder cumprir”, explicou o alcalde. “Queremos saber exactamente en que punto se atopa o expediente de contratación e as previsións que ten a Xunta de Galicia para o remate deste centro de ensino”.
No ano 2021 o Concello de Ames asinou un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a construción do centro que comprometeu ao ente local a ceder e soterrar a liña de media tensión para a construción do CEIP. Cedidos os terreos e soterrada a liña (as obras foron finalizadas o pasado 21 de maio) queda nas mans da Xunta de Galicia axilizar o expediente de contratación para comezar con esta actuación que terá un período de execución de 18 meses.
O alcalde, Blas García, explicou que esta é unha das actuacións consideradas estratéxicas para o Concello de Ames no que respecta ao futuro do núcleo máis grande e importante do municipio xunto coa humanización da nacional N-550, o remate do Centro Multifuncional e o Complexo Deportivo: “Este mandato suporá un antes e un despois para o futuro de Ames en xeral e do Milladoiro en particular”, explicou o alcalde.
Construción dun centro para 450 alumnos
A parcela onde se construirá o novo CEIP conta con 13.167 metros cadrados. A construción do novo CEIP do Milladoiro está incluído no Plan de Infraestruturas 2016-2020 da Xunta de Galicia. A licitación da redacción do proxecto foi aprobada pola Xunta de Galicia en setembro de 2021.
Contémplase a construción dun centro para 450 alumnos, con seis aulas de infantil e doce de primaria, así como outras catro para desdobres, aula de música, sala de usos múltiples, biblioteca e ximnasio, con vestiarios adaptados. A área de administración inclúe despachos, conserxería e un local para a ANPA. Tamén disporá de comedor e unha zona de servizos comúns.
Por outra banda, atendendo á estratexia de educación dixital 2030, contará cun local para formar en tecnoloxías da información a docentes, e aulas multifuncionais para traballar os proxectos de robótica ou intelixencia artificial, con materiais de domótica, creación e procesado audiovisual, impresión 3D ou electromecánica. No exterior disporá dunha zona cuberta e outra descuberta exterior para o alumnado de educación infantil, así como pista polideportiva tamén cuberta e descuberta. Tamén contará con zonas verdes e unha horta.