7 junio, 2024
Xa é posible apuntarse aos novos cursos, charlas e monográficos que se impartirán durante o mes de xuño na Aula CeMIT de Arzúa (rúa de Lugo, s/n, de lado do Xulgado) Todas as actividades son gratuítas previa inscrición.
Entre os obxectivos da Rede CeMIT está achegar as tecnoloxías da información á cidadanía en xeral, a difusión do sowftware libre e as actividades específicas de inclusión tecnolóxica para colectivos concretos (infancia, terceira idade, persoas desempregadas, persoas emprendedoras e empresas, asociacións, etc.)
Neste mes de xuño hai unha ampla oferta de cursos para coñecer elementos cos que convivimos a diario para facernos a vida unha pouco máis sinxela.
• Martes e xoves (de 10.00 a 12.00 h), do 11 ao 20 de xuño: Introdución á ofimática. LibreOffice Calc, folla de cálculo. Despois do curso de maio do procesador de textos de LibreOffice Writer o alumnado poderá coñecer todas as posibilidades da folla de cálculo LibreOffice Calc desde o nivel máis básico (realizar cálculos, contas, listaxes, gráficas, facturas…). Non é preciso ningún coñecemento previo, só un mínimo de informática básica.
• Martes 11 de xuño (de 16.00 a 18.00 h): Aprende a usar o certificado electrónico. O certificado electrónico permite identificarnos como se usáramos o DNI para realizar trámites coas administracións públicas a través de internet, tanto nun computador como no móbil. Cómpre ter o certificado do DNI electrónico activado.
Gran parte da nosa vida actual pasa a través dese pequeno computador que levamos no peto e que é o teléfono móbil. Os cursos para coñecer mellor como funciona son dos máis demandados na Aula CeMIT. Neste mes de xuño hai dous:
• Martes e xoves (de 18.00 a 20.00 h), do 11 ao 20 de xuño: Coñece o teu móbil Android.
• Mércores e venres (de 10.00 a 12.00 h), do 12 ao 21 de xuño: Coñece o teu móbil Android.
• Xoves 13 de xuño (de 18.00 a 20.00 h): Coñece a sede electrónica do Concello de Arzúa. A través da sede electrónica do Concello de Arzúa pódense realizar moitos trámites, solicitudes, queixas… dende o noso computador ou teléfono móbil. Cómpre ter o certificado do DNI electrónico activado ou ter un certificado electrónico vixente.
• Martes 18 de xuño (de 18.00 a 20.00 h): Coñece a app móbil do SERGAS. Ademais de pedir cita para atención primaria do Servizo Galego de Saúde esta app permite facer e consultar moitas outras cousas.
• Xoves 20 de xuño (de 18.00 a 20.00 h): Coñece a app da Rede de Bibliotecas de Galicia. A principios de ano a Xunta presentou esta app coa que se pode ter acceso aos libros e revistas da plataforma on-line GaliciaLe e levar o carné da biblioteca no móbil. Cómpre ter o carné da biblioteca que se pode facer na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Arzúa (rúa Padre Pardo, 33, 2º andar, enfronte do centro de saúde).
• Martes, mércores e xoves (de 10.00 a 12.00 h), do 25 ao 27 de xuño: Edición sinxela de fotos e imaxes. Cun programa que se pode instalar de forma gratuíta en calquera computador aprenderemos os básicos do retoque fotográfico para mellorar as nosas fotos persoais.
• Martes 25 de xuño (de 16.00 a 20.00 h): Navegación segura con Firefox en móbil e PC. O navegador de internet é a nosa conexión con moitos dos contidos que nos chegan (novas, redes sociais, todo tipo de páxinas web…). O navegador Firefox é unha opción rápida, segura e completa para acompañarnos no computador e no móbil.
• Xoves 27 de xuño (de 16.00 a 20.00 h): 30 de xuño. Día das redes sociais. Coñece o Fediverso. Redes sociais libres e non comerciais. Celebraremos o Día das redes sociais coñecendo as redes sociais federadas ou Fediverso (Mastodon, Pixelfed, Lemmy, Friendica, PeerTube…); alternativas libres, comunitarias e non comerciais ás coñecidas Facebook, Twitter, Instagram…
• Venres 28 de xuño (de 10.00 a 14.00 h): Coñece a túa tableta Android. Aprende a configurar e a facer un uso básico da túa tableta.
Ademais dos cursos organizados poloa Áula CeMIT de Arzúa, neste mes de xuño segue en marcha o curso Itinerario Laboral ‘Alicia, activando la igualdad’ que organiza o Centro de Información á Muller de Arzúa (CIM) impartido pola Fundación Mujeres; e tamén haberá dúas charlas organizadas pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS) e impartidas por Canal Sénior:
• Martes 4 de xuño, (de 17.00 a 18.00 h), “8 ferramentas e ideas para combater a soidade non desexada”
• Xoves 6 de xuño (de 17.00 a 18.00 h), “Atopa compañía para facer deporte con estas plataformas”
No horario de apertura da aula os equipos están a disposición da cidadanía para o seu uso libre. Tamén é posíbel solicitar titorizacións de contidos específicos.
Para inscribirse ou recibir máis información poden visitar a páxina web https://cemit.xunta.gal/gl/centros/arzua, chamar ao 981 500 447, pasar pola aula CeMIT (rúa de Lugo, s/n, de lado do Xulgado) en horario de luns a venres de 9.00 a 15.00 e de 16:00 a 20:00 os martes e xoves ou escribir un correo a cemit.arzua@xunta.gal.