17 septiembre, 2024
O Concello de Vimianzo dálle a benvida ao outono cunha nova oportunidade para coñecer os Recunchos do municipio a pé.
Esta segunda fase do programa de andainas inclúe tres roteiros por diferentes lugares do termo vimiancés. O primeiro será este domingo, 22 de setembro, cunha camiñada de 8 quilómetros polos Penedos de Pasarela e Traba.
Trátase dun dos lugares máis emblemáticos e icónicos do municipio e único no mundo. Unha paisaxe protexida na que se poden apreciar auténticas “obras de artes” esculpidas polo propio paso do tempo e as forzas da natureza. Unha aguia, un cantor, un coello, un pallaso triste, unha esfinxe ou unha osa son só algunhas das múltiples “esculturas” que as persoas participantes van poder contemplar.
Para participar é necesario formalizar previamente a inscrición. Pódese facer a través da web municipal ata o venres, 20 de setembro, ás 13:00 horas.
A saída será ás 9:30 horas e o regreso está previsto, aproximadamente, para as 14:00 horas. Para a ruta recoméndase levar roupa e calzado apropiado para a actividade física e algo de comida.
Seguintes percorridos
O programa inclúe outra dúas andainas. O 5 de outubro será polo Vieiro Fidalgo, unha ruta sinalizada que conecta Berdoias e Boallo. Ao longo deste percorrido poderase gozar do patrimonio histórico e arqueolóxico de Berdoias, así como o dolmen da Casota de Freáns ou os petróglifos do Pedrouzo, entre outros.
Por último, a última camiñada será pola Vía Mariana, que transcorre por Vimianzo entre o Orbellido e Berdoias. Trátase dunha ruta que se inicia na cidade de Braga, en Portugal, e remata en Muxía, e ten o obxectivo de recuperar antigos camiños históricos polos territorios do interior de Galicia e o norte do país luso.
Para esta andaina habilitarase servizo de autobús para desprazarse desde Berdoias ata o punto de partida.