1 septiembre, 2024
Este sábado, 31 de agosto, pechouse a primeira edición do concurso Baila con Ames. Unhas 650 persoas acudiron de público e estiveron nas gradas da praza de Chavián de Bertamiráns desfrutando das distintas actuacións dende as 19.00 horas. Nicolás Fuentes Romero e Balance Lírica foron os gañadores individual/dúo e grupal do evento organizado polo Concello de Ames e recibiron 1.000 e 1.500 euros en premios respectivamente.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organizou o pasado sábado, 31 de agosto, a gran final da primeira edición do “Baila con Ames”, que se desenvolveu na praza de Chavián, en Bertamiráns. Nesta fase final repetiron participación os 9 concursantes individuais e os 9 grupais que participaron na semifinal celebrada no Milladoiro o pasado mes de xuño.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, tivo palabras de felicitación e recoñecemento para as gañadoras e gañadores deste “Baila con Ames” así como para o xurado composto por Daniela Filloy Posada, Magaly Balsa Vilas e María Iglesias Bermúdez, “que non o tiveron nada fácil”. Paz explicou que este tipo de certames pretenden dinamizar o comercio local dando coñecer tanto para á veciñanza de Ames como para todos os asistentes da contorna a calidade dos comercios amesáns.
Premios
Nicolás Fuentes Romero, primeiro clasificado na categoría individual/dúo foi premiado cunha cesta de froita e 1.000 euros, mentres que Balance Lírica, composto por Nerea Rial Pérez, Alexandra Rial Pérez, Aroa Mariño Quintás e Elena Otero Dopazo recibiu 1.500 euros. Os segundos e terceiros clasificados tanto na categoría individual/dúo (Paula Núñez Carballeira e Alessi Valeria Cancelo Gil) como na grupal (Academia Balance Teatro e Abba de Agro do Muíño) recibiron tarxetas valorada en 100 euros para gastar nos comercios da asociación de comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e da Asociación Empresaria Novo Milladoiro.
Por cada categoría, as primeiras e primeiros clasificados levaron un único trofeo en recoñecemento da súa participación, unha única cesta saudable, un único vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso e a posibilidade de bailar nas Prebadaladas de Ames 2024.