10 octubre, 2024
O Concello de Negreira vai reforzar nos próximos meses o seu sistema de xestión de residuos, implementando unha serie de investimentos e medidas co fin de promover a sostibilidade e a concienciación ambiental. Esta iniciativa responde á necesidade de cumprir coa Lei 7/2022 de Xestión de Residuos, que obriga a todos os municipios a mellorar a súa xestión de residuos.
Un dos principais focos desta estratexia será o incremento do número de contedores básicos, como os de residuos orgánicos, cartón, plástico e vidro, para evitar vertedoiros incontrolados e garantir unha recollida selectiva eficiente. O goberno municipal tamén busca mellorar progresivamente os medios dispoñibles para o tratamento de residuos e promover un uso adecuado destes recursos entre a cidadanía.
Entre as medidas destacadas inclúese a ampliación do número de contedores marróns no casco urbano, destinados á recollida de materia orgánica, así como a instalación de máis contedores amarelos, azuis e verdes, correspondentes a plásticos, papel-cartón e vidro, respectivamente. Ademais, o Concello lanzará varias campañas de información para sensibilizar á poboación sobre o correcto uso destes contedores e facilitar unha reciclaxe adecuada.
Outro aspecto relevante desta iniciativa será a continuidade do servizo de recollida de voluminosos porta a porta, que serán trasladados ao punto limpo. Ademais, manterase a recollida de plásticos agrícolas, que no ano 2023 permitiu a eliminación de 35 toneladas deste tipo de residuos. Tamén se incidirá na recollida de residuos específicos como téxtiles ou aceites orgánicos, que os concellos teñen a obriga de xestionar.
O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, subliñou a importancia destas accións: “Con estas medidas, buscamos non só mellorar os servizos, senón fomentar unha cultura de responsabilidade ambiental, como se recolle no Pacto de Alcaldes do que formamos parte”.