21 octubre, 2025
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este venres a segunda actuación encadrada no programa Os venres na capela, incluída na programación cultural Outono a escena, pensada para dinamizar as fins de semana dos meses de outubro e novembro con actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos.
O certame ofrece este venres, 24 de outubro, unha proposta para público adulto co espectáculo Vaites, rapariga! da compañía Tarabela Creativa.
Esta función cómica proponnos historias do nor-oeste. Historias que conteñen os mesmos elementos que os dos westerns, ao máis puro Oeste pero adaptado a unha versión máis galega. Unha comedia negra contada por Carmen Conde, que dialoga en todo momento coa música de Su Garrido Pombo. Dúas mulleres man a man unindo narración oral e música ao vivo no novo espectáculo de Tarabela Creativa.
A función terá lugar ás 21:00 h. na Capela da Madanela e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade.