1 mayo, 2024
O Concello de Oroso anunciou a licitación dunha serie de importantes melloras na rede viaria no concello, concretamente en tres ubicacións. Por unha banda, no Lugar de Altiboa cunha pavimentación nova, na Parroquia de Marzoa, na estrada que vai cara Carollo que está sen acabar, Lugar de Piñeirón (Parroquia da Gándara), cunha ampliación do pavimento aumentando o ancho da vía e na Avenida Castelao, tamén cunha mellora na pavimentación e pintado da sinalización viaria, sendo esta última o acceso principal á Urbanización Porto Avieira.
Ditas intervencións teñen como obxectivo optimizar a circulación e a seguridade viaria, así como tamén mellorar a calidade de vida dos veciños concello, según sinalou este.
«Estas melloras son fundamentais para o desenvolvemento e progreso das nosas parroquias», afirmou o alcalde, Alex Doval. «O Concello de Oroso está comprometido coa mellora constante da infraestrutura viaria para garantir o benestar e a seguridade dos nosos veciños. Estas obras son un paso importante na dirección correcta para seguir mellorando as pistas de titularidade municipal».
Nesta liña, Doval confirmou tamén que “temos varias obras pendentes de licitar que están á espera de obter os informes sectoriais correspondentes para continuar coa tramitación”.