21 octubre, 2025
Máis de cincuenta persoas participaron este domingo na derradeira andaina do ano 2025 do programa “Mulleres Rurais na Vía Mariana”, unha iniciativa promovida pola Asociación de Mulleres Rurais de Moraña Menhir co obxectivo de percorrer, en dez etapas, o itinerario que conecta Moraña co santuario de Santa María da Barca de Muxía.
A etapa deste domingo tivo como punto de partida a igrexa de San Xulián de Bastavales e como meta a Ponte Maceira, no concello de Brión. A pesares da intensa choiva, o ambiente foi de entusiasmo e camaradería entre as participantes, que afrontaron con bo humor a que foi a última camiñada do ano antes de retomar o percorrido en 2026, cando están previstas as tres etapas finais ata chegar a Muxía.
A concelleira de Turismo de Brión, Guarina Rey, recibiu ao grupo ao pé da igrexa de Bastavales, onde destacou a implicación do municipio coa promoción desta ruta espiritual e cultural. “O Concello de Brión forma parte da Vía Mariana, e este verán instalamos paneis informativos sobre o itinerario, como o situado diante desta igrexa de Bastavales, cuxas campás inspiraron a Rosalía de Castro”, lembrou Rey.
A edil aproveitou tamén a ocasión para convidar aos camiñantes a volver a Brión noutra ocasión con mellor tempo “para desfrutar do noso patrimonio cultural e natural, algúns deles situados na propia Vía Mariana, como a ponte romana de Paradela, o Castro Lupario, a igrexa de Bastavales ou a capela de Santa Minia; pero tamén doutros enclaves destacados como as Torres de Altamira ou a fervenza do Pozo Negro”.
A expedición partiu ás 8:30 horas de Moraña en autobús ata Bastavales, onde iniciou o traxecto a pé. O percorrido levou aos participantes ata a capela de Santa Minia, pasando polo paseo do río Pego, e, tras unha breve parada, continuaron ata a igrexa de Brión. Finalmente, seguiron por camiños de monte ata Ponte Maceira, onde os agardaba o autobús de regreso a Moraña.
A Vía Mariana é unha ruta de preto de catrocentos quilómetros, dividida en 17 etapas, que une os santuarios de Nosa Señora do Sameiro, en Braga, e Santa María da Barca, en Muxía.