14 septiembre, 2024
O programa “Volta ao cole co comercio” xa se converteu nunha cita ineludible do mes de setembro coincidindo co inicio do curso escolar. Esta iniciativa dividiuse en dúas xornadas: unha no Milladoiro e outra en Bertamiráns. A primeira realizouse o pasado mércores, 4 de setembro, na área verde próxima á Travesía do Porto, no Milladoiro, por onde pasaron unha gran cantidade de persoas.
A segunda xornada celebrouse este pasado venres, 13 de setembro, en Bertamiráns, no parque do Ameneiral, na que se superou a asistencia de edicións anteriores. Deste xeito, estímase que máis de 4.000 persoas achegáronse ao Milladoiro e a Bertamiráns para desfrutar das actividades para nenos e nenas e para a rapazada. Ademais de moitos veciños e veciñas de Ames, houbo persoas de concellos limítrofes como Santiago, Teo, Brión e Negreira que participaron nestas xornadas.
A terceira edición de “Volta ao cole co comercio” estivo organizada polas Concellarías de Promoción Económica e de Educación e Mocidade. Ademais, o evento contou coa colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e co patrocinio da empresa de telecomunicacións Evoa Redes SL. A través desta iniciativa ofreceuse unha tarde chea de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría do Milladoiro.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “un ano máis, a proposta de Volta ao cole co comercio foi un éxito. Tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns houbo unha gran participación de familias, o que indica que esta iniciativa está funcionando ben, co cal trataremos de darlle continuidade. Este programa serve para que os nenos e nenas se divirtan, pero tamén para aliviar o peso económico que supón para os pais e nais o comezo dun novo curso escolar e para dinamizar o noso comercio. Tratamos de facilitarlles as compras ás familias no comercio, con todos os vales que ofrecemos, en colaboración con XEA”.
A concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, afirma que “este é o segundo ano que o departamento de Mocidade se adhire á iniciativa de Volta ao cole co comercio, e a valoración é moi positiva. O inicio do curso escolar supón para as familias un gran desembolso económico, e deste xeito axudamos aos pais e nais, á vez que dinamizamos as rúas e ofrecemos unha alternativa de ocio para a xuventude”.
Nesta iniciativa colaboraron tanto comercios de Bertamiráns (librería Mainomen, librería Leria, Eva Hogar, papelería Chavián, papelería Carlín, xoguetería Recunchos Didácticos, Dipe Regalos e librería Bandini) como do Milladoiro (librería Nenos Nais, material de oficina Mouse, papelería Boo, papelería Anauco e xoguetería Piedra Papel Tijera).
Inchables, xogos e holi party
Os nenos e nenas de 3 anos en diante puideron saltar en diferentes inchables e participaron en distintos xogos do mundo, que estiveron dirixidos a todos os membros da familia. As actividades pecháronse cunha holi party, unha festa de pos de cores, na que participaron todos os rapaces e rapazas que acudiron a estas xornadas, e incluso, se sumaron mozos e mozas, así como pais e nais dos/as nenos/as.
Todas estas propostas lúdicas estiveron acompañadas do sorteo de vales de compra para diversas librerías e papelerías e vales do Concello, así como vales de compra cortesía da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Os sorteos realizáronse ás 20.00 horas despois das holi party.
A empresa de telecomunicacións Evoa Redes SL contou cun stand, polo que pasaron numerosas persoas, para informarse dos servizos que ofrece esta compañía galega.