24 noviembre, 2025
O Concello de Lousame poñerá en marcha mañá martes a campaña “Abrígate baixo o paraugas do bo trato”, unha iniciativa de sensibilización contra a violencia de xénero desenvolvida en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro. A acción, financiada con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e ao Ministerio de Igualdade, foi presentada esta mañá polo alcalde, Esteban Ares García, acompañado do persoal municipal dos Servizos Sociais. O rexedor explicou que se trata dunha campaña dirixida a sensibilizar á poboación sobre a importancia da prevención da violencia machista a través do bo trato e o respecto entre iguais.
Todas as persoas interesadas en participar poderán facelo ata o vindeiro 7 de decembro, ben compartindo nas súas redes sociais a publicación oficial do Concello de Lousame sobre a campaña xunto co cancelo #abrigatenobotrato, ou ben difundindo unha fotografía cun paraugas, acompañada do mesmo cancelo e etiquetando ao Concello nas súas contas de Facebook (concello.delousame), Instagram (@somosLousame) ou X (@SomosLousame). Para quen non dispoña de redes sociais, o Departamento de Igualdade ofrece a alternativa de enviar a frase por WhatsApp ao número 689 126 385, indicando o nome e apelidos ou o colectivo ao que se representa.
A campaña está aberta á participación individual ou grupal, incluíndo aulas, entidades e asociacións do municipio. Unha vez rematado o prazo, sortearanse varios premios: un vale para unha cea para catro persoas nun restaurante de Lousame entre quen participe de forma individual cunha fotografía; dous vales de 50 euros para gastar nas farmacias do municipio destinados aos grupos participantes; outros dous vales de 50 euros para utilizar nunha ferretería de Lousame entre quen comparta a campaña; e un total de 50 paraugas rotulados co lema da iniciativa, que se repartirán entre todos os participantes.
Esta arrancará coincidindo coa conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A rapazada do CPI Cernadas de Castro será a primeira en sumarse durante o acto central previsto para mañá ás 12:00 horas diante da casa consistorial, onde o alcalde dará lectura ao manifesto institucional antes de se gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero. Despois, alumnado do centro e membros de colectivos como Misela, A Creba ou Cruz Vermella participarán na iniciativa facéndose fotografías co paraugas e a lenda #abrigatenobotrato na praza Teodomiro Hidalgo, reforzando así o compromiso comunitario na loita contra a violencia machista.