Será o luns 25 de novembro, ás 11:30 horas, na praza do Concello.
23 noviembre, 2024
O Concello de Lousame, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, celebrará este luns 25 de novembro, ás 11:30 horas, un acto conmemorativo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Un acto que dará continuidade á campaña de sensibilización “Quérenme ben”, polo que a rapazada do colexio creará un xardín de margaridas diante da casa consistorial lousamiá.
Un xardín integrado por margaridas de cartón no que os rapaces e rapazas presentarán mensaxes en contra da violencia machista e a favor do bo trato e o respecto entre iguais. Un acto que rematará coa lectura dun manifesto institucional por parte da concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo.
Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña “Quérenme ben”, que o Concello de Lousame está a desenvolver nas redes sociais e que está financiada con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade. Tomando como referencia a tradición de esfollar unha margarida á hora de tomar unha decisión, a campaña pretende poñer de manifesto as diferenzas entre as relacións sans e as relacións tóxicas, con frases etiquetadas co cancelo #querenmeben ou #nonmequeren.