3 julio, 2025
O Concello de Lousame vén de celebrar nas últimas datas as festas de fin de curso dos seus Obradoiros da Memoria, unha iniciativa gratuíta que conta coa participación de máis de medio cento de veciños e veciñas maiores de 60 anos. As celebracións están a desenvolverse nos locais sociais dos distintos núcleos onde se imparten estes obradoiros: Sanguiñal, Aldeagrande, Cruído, Vilacoba e Escabia.
A alcaldesa, Teresa Villaverde, aproveitou a ocasión para animar a todos os maiores do municipio a sumarse a esta actividade. Segundo destacou, o obxectivo principal destes obradoiros é “mellorar a calidade de vida das persoas maiores mediante actividades que exercitan a mente e axudan a previr o deterioro cognitivo, ademais de fomentar a socialización ao propiciar espazos de encontro e convivencia na veciñanza, onde lembrar experiencias e seguir aprendendo”.
Os Obradoiros da Memoria están organizados polo Concello de Lousame en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade. Diríxense a todas as persoas maiores de 60 anos do municipio e a inscrición é completamente gratuita, podendo facerse en calquera momento do ano. As persoas interesadas poden inscribirse nos Servizos Sociais de Lousame, chamando ao 981 820 494 ou a través de WhatsApp no 689 126 385.