1 febrero, 2025
Os alcaldes de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e de Lalín, Xosé Crespo, asinaban hoxe o acordo de irmandamento entre a Festa da Filloa de Lestedo e a Feira do Cocido de Lalín. A sinatura tivo lugar no marco da IV Feira Internacional de Apicultura de Lalín e contou coa presencia da conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Durante o acto, Ovidio Rodeiro destacou o importante labor de ambas as festas e expresou o seu agradecemento por este irmandamento, facendo especial fincapé na relación entre os dous municipios. «Alguén podería entender un Entroido en Galicia sen filloas ou cocido? É impensable», afirmou o alcalde de Boqueixón. Pola súa parte, Xosé Crespo subliñou a relevancia do acordo, que visibiliza aínda máis as tradicións gastronómicas da zona, ao tempo que avanzou que este ano a Festa da Filloa contará cunha degustación especial de Cocido de Lalín o domingo 9 de marzo.
José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural Festa da Filloa de Lestedo, convidou aos asistentes a achegarse á festa de Lestedo, subliñando a importancia da participación local. «O éxito da festa está na implicación de toda a parroquia de Lestedo», afirmou.
Para visibilizar o irmandamento, tamén se celebrou un showcooking no que se prepararon diversas receitas innovadoras con filloa de Lestedo. Entre as actividades, destaca a presenza dos Xenerais da Ulla, que estarán no desfile da Feira do Cocido o 23 de febreiro, e o maridaxe de filloas con produtos do cocido que se ofrecerá no xantar oficial da Festa da Filloa.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tamén participou na xornada e subliñou a importancia de apoiar os produtos locais e promover o consumo de alimentos «quilómetro cero».