16 octubre, 2025
As pistas de pádel de Lañas acollerán a vindeira fin de semana, os días 18 e 19 de outubro, o IV Torneo de Pádel da Baña, organizado polo Concello da Baña. A cita consolídase ano a ano no calendario deportivo bañense e unha vez máis marcará un récord de participación grazas ás 52 parellas inscritas.
O torneo contará con cinco categorías: segunda masculina, terceira masculina, terceira feminina, terceira mixta e iniciación. As máis numerosas serán a terceira masculina e a terceira mixta, ámbalas dúas con 16 parellas participantes, o que amosa o crecemento do interese por este deporte no municipio.
Todas as persoas inscritas recibirán un obsequio de benvida, mentres que os finalistas de cada categoría serán premiados con material deportivo.
O horario provisional dos encontros xa está disponible nos cadros que acompañan esta nova, aínda que podería sufrir pequenas modificacións no caso de que algunha persoa participante xustifique a necesidade dun cambio. Pregámoslle ás/aos xogadoras/es que teñen en conta a alta participación e as dificultades organizativas á hora de solicitar alteracións. O cadro definitivo publicarase o venres nesta páxina web municipal.
Recordamos que aquelas persoas que vaian quedando eliminadas poderán empregar as pistas no caso de atoparse dispoñibles. Só se terán que poñer de acordo entre elas.
Con esta cuarta edición do torneo de pádel, o Concello da Baña reafirma o seu compromiso co fomento da actividade deportiva e a participación veciñal, promovendo o deporte como ferramenta de convivencia e vida saudable.