O proxecto recolle a creación dun anova área con 15 prazas de estacionamento cunhas dimensións de 7,5 por 3,5 metros para autocaravanas e cos correspondentes servizos de recollida de augas fecais e servizo de auga potable
6 julio, 2025
O Concello de Ames, a través do departamento de Turismo, considera importante apostar polo turismo de autocaravana, unha modalidade de turismo emerxente e comprometido co medio ambiente. Este tipo de turismo aporta un gran valor para os municipios polos beneficios económicos que achega, incidindo de xeito positivo nas estadías no municipio e na repercusión na hostalaría e no comercio local. Debido a iso dende o Concello de Ames considérase necesaria a creación dunha nova área de autocaravanas no núcleo urbano de Bertamiráns, que se sumará á xa existente na rúa do Buxo, no Milladoiro.
O proxecto recolle a creación dun anova área con 15 prazas de estacionamento cunhas dimensións de 7,5 por 3,5 metros para autocaravanas e cos correspondentes servizos de recollida de augas fecais e servizo de auga potable. Unhas das prazas terá a consideración de adaptada ao ter unhas dimensións maiores de 7,5 por 4 metros e dispor dun espazo lateral adicional de 1,5 por 7,5 metros para as persoa con mobilidade reducida. Ademais, dotarase a dito espazo de alumeado público. En dita área disporase de toma de auga para encher o depósito de augas limpas e dunha reixa para baleirar as augas grises e negras dos vehículos.
O alcalde e concelleiro de Turismo, Blas García, explica que “a creación da nova zona de autocaravanas permítenos trasladar a que temos agora en Bertamiráns e que ten dificultades de acceso”. Tamén asegurou que, grazas á axuda da Deputación “teremos dúas áreas, xunto coa do Milladoiro, e poderemos dar servizo aos Camiños de Santiago que pasan polo noso concello, nunha aposta clara pola promoción do turismo, e sobre todo do turismo de interior e comprometido co medio ambiente”.
Ames, primeiro concello galego con dúas área de autocaravanas
Ames foi o segundo concello galego, despois de Tui, en crear as súas áreas de autocaravanas, e o primeiro en toda Galicia en dispor de dous espazos destinados a estes vehículos. Ditas áreas foron creadas no ano 2004.
Na actualidade, a área de autocaravanas de Bertamiráns está situada no aparcamento da rúa Pesqueiras, que está en fronte ao supermercado Carrefour. Dende hai tempo o Goberno municipal quere cambiar a localización desta área de autocaravanas a outro lugar, que finalmente será o lugar das Pateiras. Deste xeito, haberá dúas áreas específicas de autocaravanas, xa que dende 2019 a área de autocaravanas do Milladoiro atópase situada na rúa Buxo, ao carón do anfiteatro do Milladoiro.