O interese polas novas tecnoloxías queda de manifesto na gran demanda dos cursos de mecanografía e informática, no que participa alumnado dos primeiros ciclos de primaria.
8 octubre, 2025
O curso 2025/2026, que arrancou o pasado luns 1 de outubro, volve ser de récord en Rois. Finalizado o prazo de segunda matrícula, o Concello formalizou xa máis de 660 inscricións nas distintas actividades deportivas e socioculturais que desenvolverá ata o mes de xuño, unha oferta que adoita desenvolver por duplicado en Rois e en Urdilde. A maiores, a Escola de Música confirma a súa grande aceptación entre a veciñanza cun total de 90 solicitudes rexistradas.
As actividades deportivas, tanto para menores como para persoas adultas, acumulan un total de 460 matrículas. Entre as modalidades máis demandadas entre a cativada das Escolas Deportivas Municipais atópanse zumba kids e patinaxe artística, que un ano máis volven aumentar inscricións. Recupérase así mesmo a practica do judo en Rois, despois de varios anos sen acadar alumnado suficiente para impartir esta actividade. Complétase a oferta con atletismo, que presenta un incremento significativo de asistentes; con tenis, con ximnasia rítmica e con xadrez, tanto presencial como en liña.
As persoas adultas, pola súa parte, decántanse maioritariamente por facer zumba e, sobre todo, pilates, disciplina esta última que se impartirá en Rois, en Urdilde e en Ribasar. Tamén teñen moi boa acollida ximnasia de mantemento para maiores de 55 anos, con clases en Urdilde, en Ribasar e en Ermedelo, así como ioga e baile en parella.
As actividades socioculturais, pola súa parte, superan xa as 200 matrículas. A pandeireta ocupa un lugar destacado entre as preferencias da veciñanza, que leva dende o ano 2011 mostrando o seu apoio maioritario á recuperación do cancioneiro popular e da música tradicional con clases en Rois, en Urdilde e en Ermedelo. O encaixe de palillos e vainicas e os talleres da memoria son tamén outros clásicos dos cursos roisenses, ademais dos obradoiros de arte impartidos polo escultor Camilo Seira e nos que se dan cita tanto escolares como persoas adultas.
O interese polas novas tecnoloxías queda de manifesto na gran demanda dos cursos de mecanografía e informática, no que participa alumnado dos primeiros ciclos de primaria. Cociña creativa, que estivo de estrea o pasado ano, atópase así mesmo entre as extraescolares favoritas da rapazada.
Ademais, o servizo de ludoteca reforzará de novo a conciliación familiar, permitíndolle aos escolares de Rois alongar a xornada despois do horario lectivo.
A oferta cultural complétase co ensino ofrecido pola Escola Municipal de Música de Rois, que neste curso incluirá como novidade unha hora semanal gratuíta de formación para os ensaios dunha nova agrupación musical que actuará naqueles intercambios que se realicen ao longo do curso e que en anos precedentes levaron ao alumnado a Venecia, a Letonia ou a Portugal.