Ao acto de inauguración asistiron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o Alcalde, Luís pérez Barral, edís da Corporación Municipal e demais autoridades.
No acto participaron a atleta olímpica Ana Peleteiro, que vén de sumar un diploma olímpico ao seu amplo palmarés, e o taekwondista paralímpico Álex Vidal, catro veces campión do mundo e de Europa, así como representantes das federacións galegas destes deportes e de clubs locais que os fomentan.
A través desta mellora, a infraestrutura deportiva conta con case 2.000 metros cadrados máis nun novo pavillón anexo que alberga no seu baixo unha zona de adestramento cuberta para atletismo, con cinco rúas e áreas de saltos e de lanzamentos, entre outros espazos. Na primeira planta habilitouse unha sala para a práctica do taekwondo. Construíronse tamén vestiarios, aseos e duchas, ademais de facerse obras de accesibilidade.
Diego Calvo salientou tanto a importancia de que as novas xeracións teñan exemplos como Ana Peleteiro e Álex Vidal nos que inspirarse para a práctica deportiva, como o labor que realizan as federacións e os clubs locais no fomento do deporte a todos os niveis.
Este proxecto, iniciado no anterior mandato e rematado neste, supuxo un investimento conxunto de 2,2 millóns de euros. “Foi posible grazas á colaboración entre o Concello de Ribeira, que achegou 1.250.000 euros e a Xunta de Galiza, cunha contribución de 1,2 millóns de euros” salientou Pérez Bareal. O rexedor valorou o esforzo conxunto entre administracións “quero destacar e poñer en valor a importancia desta cooperación entre administracións, porque cando traballamos xuntos, cando unimos esforzos e recursos, logramos grandes resultados, como o que hoxe podemos gozar”.
Luís Pérez indicou que as instalacións contribuirán á formación de deportistas de alto nivel, “como a nosa deportista olímpica Ana Peleteiro, a lle quen quero agradecer a súa aposta por Ribeira pero tamén contribuirá a que o clubs como os de Atletismo ou Taekwondo Natural Sport poidan desenvolver as súas actividades nun espazo axeitado”, e tamén tivo palabras para os deportistas prensentes no acto “quero dicirvos que este módulo é o voso espazo. Aquí poderedes adestrar, perfeccionar as técnicas e competir coa garantía de que tedes detrás teñen a un Concello que os apoia, que cre en vós e que estamos desexosos de vervos triunfar”.
Para finalizar o rexedor falou do compromiso co deporte no concello porque a este investimento súmase a todos os quese fan ao longo do ano como as colaboracións con clubs deportivos por máis de 150.000€ para o fomento do deporte de base, os 14.000€ a becas a deportistas de elite e un longo etc.
“Mais non só se trata de números ou infraestruturas como as que hoxe inauguramos; trátase de investir en calidade de vida, en dar oportunidades á mocidade, en fomentar o deporte base, en proporcionar instalacións adecuadas para que os nosos atletas e practicantes de taekwondo ou atletismo poidan adestrar, competir e alcanzar as súas metas, sen importar as condicións climáticas” rematou Pérez Barral.