A remodelación permitiu renovar por completo o campo de fútbol, mellorando de forma considerable as condicións de xogo para os deportistas, así como os servizos complementarios
18 octubre, 2025
Vimianzo celebrou hoxe a inauguración oficial do novo campo de fútbol municipal ‘Irmandiño’, tras unha reforma integral das instalacións que contou cun investimento total de 480.132 euros, dos cales a Deputación da Coruña aportou 350.000, isto é, case un 73%.
O portavbz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, participaron no acto oficial xunto á alcaldesa de Vimianzo e tamén deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez. Tamén estiveron presentes representantes das directivas da SD Soneira e do CD Baíñas, así como numerosos veciños e veciñas da comarca, que quixeron acompañar a estrea das novas instalacións.
A remodelación permitiu renovar por completo o campo de fútbol, mellorando de forma considerable as condicións de xogo para os deportistas, así como os servizos complementarios. Entre as actuacións realizadas destacan a substitución do céspede artificial por un novo de última xeración, que conta cunha subbase elástica prefabricada; a modernización do sistema de rego e drenaxe; a instalación de novas varandas perimetrais, porterías de fútbol-7 e redes recolle-balóns; así como a reforma e ampliación da cantina municipal, que conta agora cunha cuberta a unha auga, peche acristalado e aseos renovados.
Durante o acto, Bernardo Fernández salientou que «proxectos coma este demostran o valor da cooperación institucional. Cando a Deputación e os concellos traballan da man, conseguimos dotar á veciñanza de instalacións modernas e de calidade, que melloran o seu día a día e fomentan o deporte de base». O portavoz destacou ademais que «Vimianzo é un exemplo de compromiso co deporte, dende a base ata o deporte de adultos, así como coa xuventude, e este campo de fútbol é unha mostra do que se pode conseguir cando se aposta pola mellora das infraestruturas locais». Para rematar a súa intervención, reiterou «o compromiso da Deputación co deporte de base, pois é un transmisor de valores como o compromiso, o esforzo e o respecto nos nosos nenos e nenas».
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, amosouse emocionada polo resultado da actuación, a primeira nas instalacións en dezaoito anos. «Hoxe é un día moi especial para o deporte vimiancés. Inauguramos unha instalación moderna, accesible e segura, pensada para dar o mellor servizo aos nosos clubs e veciños. Ademais, o nome ‘Irmandiño’ representa o orgullo da nosa historia e a nosa identidade como pobo», destacou a rexedora.
Foron os equipos das categorías base da SD Soneira foron os encargados de dar o bandeirazo de saída a este novo terreo de xogo En fútbol 8 o benxamín xogou ante o C.F. Dumbría mentres na outra metade do campo o alevín se enfrontaba á U.D. Cerqueda. Ao remate, o infantil xogou o seu partido de fútbol 11 ante a SD Coristanco, estreando un campo que aspira a converterse nun referente para o deporte en toda a Costa da Morte.
GALERÍA: