27 agosto, 2024
O Concello de Padrón celebrou esta mañá un emotivo acto de recoñecemento ás figuras destacadas do ciclismo da comarca do Sar que marcaron historia na Vuelta a España. O alcalde, Anxo Arca, acompañado polos concelleiros do grupo de goberno, recibiu no Concello a tres auténticos embaixadores do ciclismo e da nosa terra: Suso Blanco Villar, José Manuel Oliveira e José Ángel Vidal.
Durante o acto, os tres ex ciclistas asinaron no Libro de Honra do Concello en recoñecemento aos seus logros nas carreiras ciclistas, especialmente na Vuelta a España, unha das competicións máis prestixiosas do mundo. Esta recepción enmárcase dentro das actividades previas á undécima etapa de La Vuelta, que se disputará mañá, 28 de agosto, con saída e chegada no Campus Tecnolóxico Cortizo-Padrón.
A homenaxe de hoxe, xunto co Día da Bicicleta celebrado o pasado sábado en colaboración co Concello de Rois, forma parte das festividades organizadas para conmemorar o paso da volta ciclista por Padrón. Como parte da celebración, Blanco Villar, Oliveira e Vidal foron agasallados cos polos conmemorativos que o Concello repartiu entre a veciñanza.
O alcalde Anxo Arca expresou a súa profunda gratitude e admiración polos tres ciclistas, subliñando a importancia do seu legado no mundo do deporte. “Padrón está enormemente agradecido e orgulloso da vosa contribución a este deporte que hoxe enche de emoción todo o noso pobo”, destacou Arca. O rexedor tamén resaltou o exemplo de superación que representan os homenaxeados: “A vosa participación en tantas competicións, especialmente en La Vuelta a España, non só non se esquece, senón que continúa a ser un gran exemplo de esforzo, ilusión, constancia e sacrificio”.
Finalmente, Anxo Arca reiterou o cariño que a cidadanía padronesa ten polos tres ex ciclistas, sentimento que se fixo evidente durante o Día da Bicicleta. “Moitísimas grazas por cada pedalada levando a nosa terra na cabeza e no corazón”, concluíu.