24 agosto, 2024
Máis de 150 persoas reuníronse esta mañá para participar no Día da Bicicleta, un evento que serviu tamén para homenaxear a tres figuras emblemáticas do ciclismo da comarca: Suso Blanco Villar, José Manuel Oliveira e José Ángel Vidal, todos eles protagonistas na Vuelta a España. Esta celebración enmárcase dentro dos actos previos á undécima etapa da Vuelta, que terá saída e chegada o vindeiro mércores, 28 de agosto, no Campus Tecnolóxico Cortizo.
Antes de iniciar o percorrido ciclista, os ex ciclistas profesionais recibiron placas conmemorativas en recoñecemento ás súas traxectorias. A tenente de alcalde de Padrón, Chus Campos Varela, entregou a distinción a José Manuel Oliveira; o concelleiro de Deportes, Luis Mariño, fixo o propio con José Ángel Vidal; mentres que o alcalde de Rois, Ramón Tojo, honrou a Suso Blanco Villar.
Os tres homenaxeados serán recibidos o vindeiro martes polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, onde asinarán no Libro de Honra do Concello como parte dos recoñecementos institucionais.
O evento, organizado en colaboración coa Deputación da Coruña e o Club Ciclista Padronés, foi unha verdadeira festa do deporte. Participaron persoas de todas as idades, desde nenos ata maiores de 80 anos, nun percorrido de 15,5 quilómetros que comezou e rematou no paseo do Espolón de Padrón. Durante o traxecto, houbo unha parada para avituallamento na praia fluvial de Seira, en Rois, onde os participantes puideron repoñer forzas antes de continuar.
Todos os inscritos recibiron unha camiseta conmemorativa e varios agasallos. Ao final do percorrido, celebrouse un sorteo no que Miguel Ángel Núñez González resultou gañador dunha bicicleta.
Este Día da Bicicleta non só promoveu un estilo de vida saudable, senón que tamén rendeu tributo ao legado de tres ciclistas que levaron o nome de Padrón e Rois ao máis alto no panorama ciclista nacional. José Ángel Vidal competiu en seis edicións da Vuelta, Suso Blanco Villar en tres, e José Manuel Oliveira en dúas, sumando todos eles numerosas vitorias de etapa e participacións no Tour de Francia e no Giro de Italia.
«Este evento forma parte das actividades previas á undécima etapa da Vuelta Ciclista a España, que terá como punto de saída e chegada o Campus Tecnolóxico Cortizo o día 28 de agosto, un feito que subliña unha vez máis a tradición ciclista da comarca do Sar», sinalou o Concello.