5 agosto, 2024
O campo do río de Ponte Ledesma acolleu onte a recreación da histórica “Batalla de Ponte Ledesma”, organizada polo Concello de Boqueixón, un evento que lembra o enfrontamento de marzo de 1809 entre a veciñanza, liderada pola Xunta de Trasdeza, e as tropas napoleónicas.
A recreación foi dirixida polo actor Suso Martínez e o músico Manoele de Felisa, quen explicaron os detalles históricos ao público. Participaron veciños de Boqueixón e membros da asociación cultural Heroes do Casal do Eirixo (Valga), interpretando aos «franceses».
Segundo as crónicas, só quedaron na casa as crianzas, os vellos e as persoas enfermas, xa que toda a veciñanza participou na loita. Armados con ferramentas como sachos e fouces, conseguiron derrotar ao exército napoleónico, obrigándoo a retirarse.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, agradeceu a colaboración da Consellería de Cultura, da asociación cultural, de Suso Martínez, Manoele de Felisa e dos veciños de Ponte Ledesma. Rodeiro destacou que este evento demostra que, actuando unidos, pódense conseguir cousas que parecen imposibles.