20 noviembre, 2025
O Concello de Frades, en colaboración con Cáritas, abre mañá venres a súa tradicional campaña de recollida de alimentos para as familias máis necesitadas do municipio. Esta iniciativa, que se organiza por undécimo ano consecutivo, permanecerá activa ata o 19 de decembro.
Este ano, a campaña amplíase cun novo punto de recollida, o supermercado Claudio de Abellá, que se suma aos xa habituais de Progando e o salón de peiteado Patricia Tacón en Abellá, os supermercados Claudio e Tandy en Ponte Carreira, a Cooperativa Central de Frades en Ledoira, o CPI Ponte Carreira e a propia Casa do Concello. Os veciños poderán doar alimentos básicos como leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes e conservas, asegurándose de que non estean caducados, non superen a data de consumo preferente e estean correctamente etiquetados.
O Concello fai un novo chamamento á colaboración cidadá, lembrando que en anteriores edicións lograron recoller máis de 300 quilos por campaña. Ademais, poñen á disposición da veciñanza os teléfonos dos Servizos Sociais municipais (981 69 55 67) e de Cáritas (647 120 228) para resolver calquera dúbida.