Emanuele Stracchi
5 octubre, 2025
A Igrexa do Convento de Herbón acolleu un concerto extraordinario da Orquestra Clásica de Valga (OCV), que esgotou o aforo e creou un emotivo efecto ao público, mestura entre espiritualidade e culto musical, cun programa integramente dedicado ao franciscanismo, no marco da celebración do VIII Centenario do «Cántico das Criaturas» de San Francisco de Asís.
A noite contou cunha presenza excepcional: o compositor italiano Emanuele Stracchi, desprazado desde Roma para presentar e explicar en directo a súa obra dedicada á memoria de vida e consagración relixiosa de San Francisco, a suite «Vita Sancti Francisci», interpretada por vez primeira en Galicia. Esta estrea non foi casual: Stracchi escolleu á OCV como referente galego para dar vida á súa música, agradecendo publicamente á formación «por darlle vida á miña obra» e ao público «por estar aquí cun compositor vivo, que é algo moi raro».
Esta suite orixinal, composta por seis episodios, narra musicalmente a vida de San Francisco desde o seu desprendemento inicial da cómoda vida e da riqueza patrimonial ata o seu tránsito á vida eterna. Cada parte foi introducida polo propio autor cunha explicación didáctica e simbólica, convertendo o concerto nun acto de divulgación espiritual e artística.
O repertorio incluíu tamén outras composicións de Stracchi inspiradas en textos franciscanos, como «Laudate Creatorem», «Benedicto Sancti Francisci» ou «O alto e glorioso Deus», nas que participaron a soprano Andrea Torrado García e o barítono Eliseu Mera Quintas baixo a dirección de Manuel Villar Touceda. Estas obras, xunto coa suite, conformaron un mosaico musical que exaltou a beleza, a fraternidade e a espiritualidade franciscana.