1 octubre, 2024
O grupo Enredos Teatro iniciará mañá, 2 de outubro, o seu proceso de ensaios no auditorio Manuel Dopazo. Esta actividade, que se desenvolverá todos os mércores de 19:00 a 21:00 horas, permanecerá aberta durante todo o mes de outubro para aquelas persoas interesadas en unirse ao proxecto, que xa conta cunha ducia de artistas e acumula dous anos de traxectoria con actuacións na comarca do Deza-Tabeirós.
Baixo a dirección dos actores profesionais Carmen Facorro e Javier Castiñeira, creadores de Amorodio Teatro, o grupo seguiralle a dar vida a diversas obras ao longo do curso. Esta iniciativa cultural constitúe unha excelente oportunidade para aquelas persoas que desexen explorar ou afondar no mundo do teatro, nun espazo de creación e aprendizaxe colectiva.
Enredos Teatro, que xa ten deixado a súa marca en escenarios como Bandeira, Silleda e Portas, así como na emblemática Festa da Empanada, continúa así co seu compromiso de fomentar a cultura e as artes escénicas na súa comunidade. A participación nos ensaios permitirá aos interesados non só aprender sobre actuación, senón tamén formar parte dun proxecto colaborativo e enriquecedor.